Site icon Crónica3.com A Mariña

Apaga organiza en Ribadeo un curso presencial de redes sociais e venta on-line

Ribadeo, 9 de abril de 2021. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia organiza un curso presencial de redes sociais e venta online, que está destinado ao comercio local, pymes e microempresas que necesiten crear ou mellorar a súa imaxe na rede. Terá lugar en Ribadeo os domingos de catro a oito da tarde desde o 25 de abril ao 23 de maio. As doce prazas ofertadas xa están cubertas. Apaga prepara xa a segunda edición deste curso, que van impartir Andrea Lombardía e Silvia Martínez.

Andrea Lombardía, deseñadora gráfica e web explicou que “o principal é que está enfocado a pequenos comerciantes para que intenten darlle visibilidade ao seu negocio mediante as redes e internet, é dicir, que si buscas un produto que aparezan os comercios porque moitas veces non aparecen. Se un busca, por exemplo, unha mercería que aparezan as que hai pola zona, que saian os horarios que moitas veces non están actualizados, a dirección, opinións, etc… Por outro lado, imos intentar fomentar o uso das redes sociais, que as leven dun xeito atractivo porque moitas veces teñen uns produtos de moi boa calidade pero non lles dan visibilidade, ou sacan unha foto de calquera maneira. Entón ímoslles dar trucos de como teñen que sacar as súas fotos para que o produto chame a atención. Tamén falaremos de cando hai que publicar, cal é o cliente ideal segundo o negocio ou a que público dirixirse, porque non é o mesmo vender roupa para unha rapaza de vinte anos que para unha persoa de corenta e se é home ou muller”.

E engadiu que “o curso ten coma destinataria calquera servizo. Hai xente que pensa que só vale para roupa e non, é para calquera persoa que teña que vender un servizo. É dicir, podes querer venderte a ti mesmo, igual queres ser influencer, podes querer vender un servizo, por exemplo, de ioga, de pilates, un dentista, un fisioterapeuta, unha farmacia, unha librería, calquera persoa que queira vender un servizo e darlle un apoio á súa tenda física, sobre todo, para chegar a un público que cada vez mira máis as redes sociais e non se pasea tanto polas tendas, por culpa do covid, entón non pica tanto por aí”.
Para Lombardía “teñen que ter claros eses conceptos e ímoslles axudar a poñelos en práctica e a que cheguen a esas conclusións. Ademais, avanzando un pouco máis, que saiban levar tanto o seu instagram como facebook ou a rede social que necesiten, porque uns necesitarán máis unha que outra, e que dominen ou teñan un pouco de conciencia dalgunhas aplicacións moi sinxelas de deseño por se necesitan facer algo, que eles mesmos saiban levar esas redes e se fai falta tamén un pouco de publicidade, que saiban xestionar pequenas campañas de redes sociais”. A deseñadora gráfica subliña que “será un curso moi práctico, van facer todo isto desde os seus móbiles”.

Andrea Lombardía indicou que “temos 12 prazas polo tema do covid e, agora mesmo, a primeira edición está chea. Temos algúns apuntados para unha segunda edición. Este curso é presencial, vai ter lugar os domingos pola tarde para que o comercio poida asistir porque a maioría dos establecementos da zona traballan de luns a sábado, e moitos o domingo pola mañá. Tamén hai unha plataforma online onde se subirán os contidos, onde poden facer preguntas e nosoutros estaremos pendentes para contestarlles e tamén haberá un foro para que uns e outros se poidan axudar ademais de contar con nós”.

Exit mobile version