Site icon Crónica3.com A Mariña

“Agradecemento á alcaldesa de Viveiro polas risas que me fai botar”, por Óscar Rodríguez

Na política, como na vida en xeral, hai ocasións en que un agradece moi sinceramente as oportunidades que lle brindan, ás veces sen intención, de botar unhas boas risas. Desta vez teño que agradecerlle á vostede, señora alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, que me fixera pasar un rato divertido e soltar varias gargalladas. Si, porque só como un intento de provocar a risa dos veciños de Viveiro se pode entender a acusación que me dedica de crispar a vida política local. Pero, claro, aínda que resulta divertido, convén aclarar algúns aspectos que considero relevantes. O primeiro de todos é, señora Loureiro, que vostede preside o goberno de Viveiro e eu son o portavoz do principal grupo da oposición. A súa obriga, señora Loureiro, é gobernar, e a miña é controlar como goberna e informar aos cidadáns daqueles aspectos que eu considero que son erros na xestión, ou falta de xestión ou comportamentos que non se axustan debidamente aos parámetros democráticos. Creo que é a iso ao que vostede, señora Loureiro, chama “crispar”. Pois non é así no meu caso, no caso do grupo popular de Viveiro; o que facemos é cumprir coa nosa obriga como concelleiros da oposición. Por certo, como sabe, tamén facemos propostas, moitas propostas, que case nunca son tidas en conta, o que fala con claridade de cal é o seu talante democrático. Xa entendo que, como ao señor Pedro Sánchez, o mesmo non lle gusta moito isto de que haxa oposición e separación de poderes, en fin, todo aquilo que define o modelo de democracia liberal na que cremos os que militamos no PP.

Xa lle dixen, señora Loureiro, que me fixo rir un bo anaco, cousa que agradezo moi sinceramente. Si, porque, mire, dito sexa con todo o respecto, vostede goberna coas luces cortas. E iso fai que cometa moitos erros, que despois intenta tapar como pode, e ás veces, como nesta ocasión, pode pouco. Si, a verdade é que me fixo rir cando dixo que Viveiro participará no plan Actívate da Deputación. E sabe por que? Porque de momento non participa, non. Bótelle un ollo a páxina do Actívate e verá como no hai nada para Viveiro. Por que? Porque non se deu conta ata última hora de que existía dito plan e, cando se deu conta, tivo que botar man do argumento de que Viveiro se apuntará ao Actívate nunha suposta segunda fase. E estará ben que sexa así, pero, a día de hoxe, Viveiro está fóra do Actívate, diga o contrario quen o diga. En que papel se di que está? A quen lle podo pedir unha certificación que o acredite? Di vostede: “Estamos aí”. É certo, están aí, como ben saben os veciños de Viveiro que ven como se deterioran os servizos municipais e como o concello perde oportunidade tras oportunidade.

Estou agradecido polas risas que me fixo botar cando pensei que igual a que está crispada é vostede, señora Loureiro. Dígollo con sinceridade, enténdoo. Si, porque a súa situación no seo do PSdeG é complicada, é moi difícil; tal como teñen o partido e moi difícil saber para que lado tirar, a quen arrimar, como saír da terra de ninguén na que quedou. Pero non se apure, que estas cousas logo pasan. Non se crispe, que non é bo. Nós, os do PP, imos seguir traballando na defensa dos intereses de Viveiro, como sempre fixemos, e ofrecendo colaboración, ofrecéndonos para sumar en favor de Viveiro. Iso non é crispar a política, señora Loureiro; é facer política seria. De crispar saben moito o PSOE e os seus socios no Goberno. Crispar é, por exemplo, o que está facendo o Goberno cos veciños da Mariña a conta de Alcoa. Xa lle digo, señora Loureiro, de crispación, pola miña parte, nada de nada. Moitas grazas polas risas que me fixo botar.

Óscar Rodríguez.
Portavoz do PP de Viveiro

Exit mobile version