Só na última semana ADEGA presentou senllas denuncias diante das autoridades competentes pola corta indiscriminada de 60.000 m2 de bosque autóctono, nomeadamente nos concellos lucenses de A Pontenova e Palas de Rei e no ourensán de Ribas de Sil. Mais este tipo de infraccións que están en aumento xa levan producíndose décadas sen a Xunta de Galicia apenas faga nada por evitalo. Nos últimos 7 anos, ADEGA denunciou preto de dúas mil plantacións ilegais de eucalipto, das cales case a metade tiveron lugar na provincia de Lugo, pero moi poucas delas foron atendidas pola Administración pública ou derivaron nun expediente sancionador ou de reparación do dano. Por riba, o número de denuncias efectuadas está lonxe de alcanzar o número de infraccións reais que proliferan impunemente diante dos nosos ollos.
É por isto que ADEGA anuncia a intensificación da súa campaña de vixilancia sobre cortas forestais ilegais e plantacións de eucaliptos en Galiza. E anima ás persoas a seguir denunciando estes ataques ao bosque galego ou, en todo caso, a informar aos colectivos ecoloxistas para que estes feitos non queden impunes. A cidadanía pode axudar deste xeito a preservar as masas forestais autóctonas e outros ecosistemas naturais que, ao contrario que os eucaliptais, fornecen a sociedade de servizos ecosistémicos de incalculable valor (solo, auga, alimento, biodiversidade, prevención contra os lumes forestais, etc.).
Formulario en liña para denunciar cortas e plantacións ilegais
Para potenciar esta loita contra a agresión que para o medio ambiente supón a expansión do monocultivo do eucalipto e para frear o “efecto rebote ou chamada” que se produciu co anuncio da moratoria para as novas plantacións de eucalipto, ADEGA pon en funcionamento un formulario en liña (http://bit.ly/denunciaforestal) e na súa páxina web para que calquera persoa, de maneira anónima, poida informar sobre as cortas ou plantacións ilegais das que teña coñecemento. O formulario creado por ADEGA pretende facilitar aos usuarios/as o envío dos datos ou da información relativa a cortas e/ou repoboacións ilegais de forma que, unha vez recibida a información, ADEGA se encargará de poñelo en coñecemento das autoridades competente e de tramitar a pertinente denuncia.
ADEGA agarda que esta ferramenta permita multiplicar os resultados e ser máis eficaces sumando esforzos coa finalidade de defender o territorio e facer valer o dereito a termos un medio ambiente funcional e biodiverso, necesario para todos os seres vivos e tamén para benestar ser humano.