Galiza, 8 de abril de 2021. O anuncio por parte da Xunta de Galicia dunha moratoria ou paralización temporal das novas plantacións de eucaliptos en Galiza, sen que esta vaia acompañada dun instrumento normativo que regule a súa aplicación, sen medidas de sanción e sen o necesario reforzo de recursos económicos e humanos, especialmente do corpo administrativo de vixilancia e control contra as cortas e as plantacións ilegais, está a provocar unha nova vaga eucaliptizadora no país. A asociación ecoloxista ADEGA está a comprobar como esta nova febre do eucalipto está a afectar nomeadamente as provincias de Lugo e Ourense, onde aínda se manteñen masas forestais autóctonas e bosques de especial valor ambiental e patrimonial, que agora están a ser parcialmente cortadas, a feito e de xeito indiscriminado, para reconvertelos en eucaliptais. Estas cortas son ilegais, pois a maioría non contan coa autorización preceptiva e incumpren a Lei 7/2012 de Montes de Galiza.
Só na última semana ADEGA presentou senllas denuncias diante das autoridades competentes pola corta indiscriminada de 60.000 m2 de bosque autóctono, nomeadamente nos concellos lucenses de A Pontenova e Palas de Rei e no ourensán de Ribas de Sil. Mais este tipo de infraccións que están en aumento xa levan producíndose décadas sen a Xunta de Galicia apenas faga nada por evitalo. Nos últimos 7 anos, ADEGA denunciou preto de dúas mil plantacións ilegais de eucalipto, das cales case a metade tiveron lugar na provincia de Lugo, pero moi poucas delas foron atendidas pola Administración pública ou derivaron nun expediente sancionador ou de reparación do dano. Por riba, o número de denuncias efectuadas está lonxe de alcanzar o número de infraccións reais que proliferan impunemente diante dos nosos ollos.
É por isto que ADEGA anuncia a intensificación da súa campaña de vixilancia sobre cortas forestais ilegais e plantacións de eucaliptos en Galiza. E anima ás persoas a seguir denunciando estes ataques ao bosque galego ou, en todo caso, a informar aos colectivos ecoloxistas para que estes feitos non queden impunes. A cidadanía pode axudar deste xeito a preservar as masas forestais autóctonas e outros ecosistemas naturais que, ao contrario que os eucaliptais, fornecen a sociedade de servizos ecosistémicos de incalculable valor (solo, auga, alimento, biodiversidade, prevención contra os lumes forestais, etc.).
Formulario en liña para denunciar cortas e plantacións ilegais
Para potenciar esta loita contra a agresión que para o medio ambiente supón a expansión do monocultivo do eucalipto e para frear o “efecto rebote ou chamada” que se produciu co anuncio da moratoria para as novas plantacións de eucalipto, ADEGA pon en funcionamento un formulario en liña (http://bit.ly/denunciaforestal) e na súa páxina web para que calquera persoa, de maneira anónima, poida informar sobre as cortas ou plantacións ilegais das que teña coñecemento. O formulario creado por ADEGA pretende facilitar aos usuarios/as o envío dos datos ou da información relativa a cortas e/ou repoboacións ilegais de forma que, unha vez recibida a información, ADEGA se encargará de poñelo en coñecemento das autoridades competente e de tramitar a pertinente denuncia.
ADEGA agarda que esta ferramenta permita multiplicar os resultados e ser máis eficaces sumando esforzos coa finalidade de defender o territorio e facer valer o dereito a termos un medio ambiente funcional e biodiverso, necesario para todos os seres vivos e tamén para benestar ser humano.