Site icon Crónica3.com A Mariña

Actívate, unha aposta polo turismo activo e de proximidade, da Deputación

Lugo, 20 de abril de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este martes o programa Actívate. Trátase dunha iniciativa vencellada ao turismo activo, científico e mindfulness que se celebrará as fins de semana de maio e xuño ao longo de 18 concellos da provincia de Lugo. Este programa nace co obxectivo de dar a coñecer os recunchos de toda a provincia a través de propostas diferentes para realizar en familia, con amigos ou sós.

Este novo programa dará prioridade á participación da veciñanza lucense, que poderán realizar actividades como a iniciación aos cogomelos de primavera ou barranquismo, que se celebrarán o 1e 2 de maio, pero tamén actividades de sendeirismo, de montaña, surf ou Tai Chí e ioga. Tamén está previsto que se realice unha actividade nocturna para a observación dos ceos no concello de Muras. Todas as actividades serán gratuítas.

Tomé Roca sinalou que “Actívate nace pola aposta dun turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, na natureza e que pon en valor o patrimonio. Dende a Deputación entendemos que promover o turismo de proximidade é un xeito de axudar á recuperación da economía e tamén unha maneira de promover un lecer seguro en tempos de restricións de mobilidade”. Así mesmo, o mandatario provincial recordou que “todas as actividades estarán adaptadas á situación sanitaria, implantando e respectando en todo momento as recomendacións das autoridades competentes e cumprindo a normativa”.

As persoas interesadas en participar nas dúas primeiras actividades xa poden inscribirse na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/activate. Para máis información enviar un correo electrónico a atuaprovincia@deputacionlugo.org ou poden chamar aos teléfonos 982.26.00.11 ou 982.26.02.34. As inscricións ás seguintes actividades abriranse progresivamente todos os martes, con 10 días de antelación, ata completar o calendario.

Actívate súmase ás actividades incluídas no Plan Impulso da Economía da Provincia de Lugo que contempla, entre outras medidas, unha inxección económica de máis de medio millón de euros en negocios hostaleiros e comerciais co reparto de bonos consumo e dous programas que fomentarán o turismo de proximidade: Coñece a túa provincia, que promoverá viaxes dunha xornada en pequenos grupos e por distintos puntos da xeografía, e Saborea a túa provincia, que fomentará o consumo de produtos lucenses a través de xornadas gastronómicas e lúdicas. O Presidente tamén destacou o “Taller de Escolar de Turismo organizado pola Deputación no que participaron máis de 70 centros de ensino da provincia e co que achegamos os catro xeodestinos lucenses aos máis pequenos”.

O programa
As actividades levaranse a cabo os sábados e domingos dos meses de maio e xuño.

MAIO
8 de maio: O rural cos cinco sentidos, en Triacastela
9 de maio: A Terra Chá a vista de paxaro, en Cospeito
15 de maio: Sendeirismo na Fervenza de Augacaída, en Pantón
16 de maio: Entre viñedos ao carón do Canón do Sil, en Sober
22 de maio: O Courel, onde as forzas xeolóxicas dobraron as montañas, en Quiroga
23 de maio: Iniciación ao Ioga, en Mondoñedo
29 de maio: Baños de bosque nos Ancares, en Cervantes
30 de maio: En bici pola Vía Verde e montes na vila dos Fornos, na Pontenova

XUÑO:
5 de xuño: Os increíbles ceos do Xistral, en Muras. Esta actividade, ao tratarse dunha actividade nocturna pode variar de data en función da normativa sanitaria vixente.
6 de xuño: Aventura no Castro de Viladonga, en Castro de Rei
12 de xuño: Sendeirismo Castelo de Pambre e torrentes do Mácara, Palas de Rei
13 de xuño: Surfeando na costa da Mariña, en Foz
19 de xuño: Introdución ao Tai Chí, en Guntín
20 de xuño: Descubrindo as pegadas da fauna, na Fonsagrada
26 de xuño: Sendeirismo na Mariña occidental, no Vicedo
27 de xuño: Kaiak no río Eo, en Trabada

Exit mobile version