Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa fai un balance positivo da Semana Santa e da campaña de descontos

Ribadeo, 5 de abril de 2021. Acisa Ribadeo fai un balance positivo da Semana Santa, a pesares da situación sanitaria que se está a vivir. Segundo os datos que manexa o colectivo empresarial a ocupación hoteleira estivo por debaixo no 50% e as reservas na restauración no 80%.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, dixo que “dadas as circunstancias e as limitacións nas capacidades de traballo e na mobilidade, non nos podemos queixar. Ribadeo rexistrou movemento estes días e iso é moi importante. Os datos non se poden comparar cos de 2019, pero supuxeron un pequeno respiro para a hostalería local”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, indicou que “é evidente que non foi unha Semana Santa normal nin moito menos, debemos ser honestos con nos mesmos, non foi para tirar foguetes, quizais mais inestable do previsto, pero temos que lembrar que hai un ano estaba todo pechado. A pesares das limitacións de mobilidade e dos aforos o balance é positivo”.

Pérez Prada subliñou que “o sector que mais notou a melloría foi a restauración, cos datos enriba da mesa nas xornadas de xoves, venres e sábado superaron de media entre o 80 e o 90% de reservas, nalgún caso estiveron cheos e algúns incluso con dúas quendas de comidas a mediodía. Todo podería ser mellor si non tivesen que pechar ás nove da noite e puidesen servir ceas. A meteoroloxía tamén axudou un chisco, o que fixo que as terrazas estiveran animadas. O sector que mais se resentiu foi o hoteleiro, despois de consultar con estes negocios durante a mañá de hoxe podemos dicir que a media de pernoctas foi baixa, situouse entre o 30 e o 40 % con excepcións que rozaron o 50%. Son cifras medias que están moi lonxe das habituais, aínda que evidentemente sempre hai excepcións”.

Iriarte Quintana tamén se referiu á Semana dos Descontos, que organizou Acisa, “polo que nos están a transmitir podemos dicir que foi moi boa. Moitas tendas puideron liquidar stock e nalgún caso darlle impulso a venda de artigos de tempada. Neste sentido estamos moi contentos de como funcionou a campaña na que participaron 50 negocios asociados”.

O presidente de Acisa engadiu: “en resumo, en liñas xerais e vindo de onde vimos, podemos estar satisfeitos, nas rúas notábase mais ambiente, algo mais de alegría e algo que me gustaría destacar, víase un comportamento exemplar como norma xeral tanto na hostaleira coma na clientela. Agora tócanos seguir facendo as cousas ben, para chegar na mellor situación posible ao verán”.

Asemblea de socios

Por outra banda, o xerente da asociación ribadense explicou que “o mércores pasado, tras decisión colectiva da xunta directiva, trasladóuselles aos nosos asociados e asociadas que a asemblea ordinaria, que tradicionalmente se celebraría antes de finalizar o mes de marzo, será convocada cando as condicións permitan facela de forma presencial. Nun comunicado dábaselles traslado da decisión adoptada en base á lei”.
Francisco Iriarte sinalou que “queremos facer unha asemblea presencial, á que poidan acudir todas as socias e os socios que queiran. A todos se lles fixo chegar vía mail un resumo dos principais puntos que se tratarán na asemblea así como a posibilidade de consultar presencialmente o informe completo e detallado nas oficinas de ACISA Ribadeo”.

Exit mobile version