Burela, 23 de abril de 2021. ACIA Burela protesta pola falta de compromiso e implicación por parte do Concello co tecido empresarial do municipio dende o comezo da pandemia.
Nunha situación tan complexa para todos os sectores empresariais, dende a Asociación de Comerciantes, Industria e Autónomos manifestan o seu descontento co goberno local, xa que nun momento no que as axudas e apoio por parte das institucións é fundamental para que moitos negocios poidan saltar os obstáculos que as circunstancias sanitarias provocaron e consigan seguir abertos, en Burela non contan nin con esas axudas nin con ese apoio.
O tecido empresarial burelense está totalmente desprotexido, a administración municipal non deixou de poñerlles trabas, complicacións e pouca información en momentos chave como na convocatoria das axudas que lanzou a propia institución. Moitos empresarios e autónomos quedaron sen esta achega por falta de información e entendemento, un problema que se o Concello quixera se podía ter solucionado, xa que bastaba con informar correctamente e de xeito comprensible a todas as persoas que podían chegar a ser beneficiarias destas axudas. O procedemento non é nada fácil de entender, moi complicado, demasiado longo, e non está clara a data cobrar as axudas, porque aínda estase a solicitar documentación. Ademais, moitos empresarios e empresarias que non saben se teñen ou non as axudas concedidas. Non obstante, o goberno local decidiu mirar para outro lado e deixar ao tecido empresarial só ante o perigo, unha mostra máis da escasa implicación que ten o órgano burelense con esta parte da poboación.
O Concello non debe esquecer que as empresas e autónomos da vila son parte imprescindible, dado que moitos deles proporcionan postos de emprego para a veciñanza e fan de Burela unha localidade viva e con movemento. O goberno municipal debe proporcionarlle ao tecido empresarial as maiores facilidades posibles e intentar conseguir unha maior colaboración con eles.