Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021. A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, explicou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego que os datos obtidos pola Xunta nos últimos meses apuntan a unha mellora da situación do polbo en augas galegas. Os datos de capturas mostran unha tendencia ascendente e o índice de recrutamento -de xuvenís- acada niveis altos en relación coa serie histórica que se remonta a 2005, sinalou.
A representante da Consellería do Mar salientou que o volume de capturas rexistrado nas últimas semanas é positivo e que os datos concretos de marzo superan os obtidos no mesmo mes do ano pasado e tamén os de marzo de 2017, unha campaña que foi histórica. En canto ao índice de recrutamento, Mercedes Rodríguez incidiu en que os datos deste ano duplican os do ano pasado e que están por enriba da media da serie histórica, que comeza en 2005.
A directora xeral de Pesca destacou que a campaña 2020-2021 do polbo foi anómala, cun baixo nivel de capturas, e lembrou que a evolución da especie adoita ser cíclica e que depende en boa medida de distintos factores ademais da actividade pesqueira, como son os medioambientais e os climatolóxicos.
A representante do Executivo galego salientou que a Consellería do Mar mantivo un contacto permanente co sector ao longo de toda a campaña e fixo un seguimento da especie de cara a ir perfilando o plan de xestión do polbo da campaña 2021-2022. Froito dos datos obtidos e das aportacións realizadas polo sector, tendo en conta tanto a situación do recurso como os intereses da frota, a Comisión do Polbo -na que participa o sector- decidiu establecer este ano unha veda de dous meses de duración para protexer os xuvenís da especie. Esa veda de dous meses supón que entre os meses de maio e xuño non se poderá extraer nin comercializar polbo das augas galegas.
Mercedes Rodríguez asegurou que a Xunta vai seguir traballando da man do sector para mellorar a situación da especie e avanzar na súa xestión ao tempo que vai continuar co control das súas capturas para evitar irregularidades. Neste sentido, lembrou que o Servizo de Gardacostas de Galicia realizou na presente campaña máis de 400 inspeccións ata mediados de marzo co resultado de máis de 1.000 quilos comisados e arredor de 11.000 nasas incautadas.