No transcurso da visita a un domicilio de Vilalba cuxo propietario solicitou estes incentivos da Xunta, Arias explicou que as subvencións poden alcanzar o 70% do investimento ata un máximo de 3.000 euros. Son compatibles con outras achegas para a mesma finalidade, sempre que a suma total non supere o custo da actuación. O prazo de solicitudes está aberto ata o 31 de maio.
“A medida busca estimular aos particulares ou comunidades de propietarios para que fagan pequenas obras que contribuirán a harmonizar o entorno”, dixo Arias, quen precisou que as actuacións terán que adaptarse aos criterios que fixan a Guía de cores e materiais de Galicia e a Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística.
En concreto, poderá financiarse o tratamento de paredes medianeiras; o revestimento de fachadas de ladrillo ou formigón ou o cambio de cor do exterior de edificacións cuxas tonalidades actuais impactan de forma negativa na contorna. Tamén o remate de cubertas realizadas con pranchas de fibrocemento, mediante a instalación de tella cerámica ou lousa, en función do material tradicional da comarca.
Tamén se financia o acondicionamento de peches de predios de gran dimensión -cunha altura superior a 1,50 metros-, mediante a instalación de solucións diáfanas ou sebes vexetais; o revestimento de muros de cerramento de predios realizados con bloques de formigón con fábrica de pedra semellante á cachotaría tradicional; así como a substitución de celosías.
Arias salientou a importancia de que todas as administracións se impliquen neste cometido e instou aos concellos a colaborar na difusión deste programa de axudas entre os potenciais beneficiarios e a axilizar os trámites e xestións da súa competencia, como a concesión de autorizacións para facer as obras.