A vicepresidenta Maite Ferreiro explicou que “con esta iniciativa, aproveitamos as posibilidades que nos ofrecen a linguaxe audiovisual e as canles dixitais para difundir e poñer en valor a figura de Xela Arias. A situación sanitaria converteu a programación audiovisual nun recurso moi empregado no que, neste caso, seguimos afondando porque cremos que é unha fórmula axeitada para plasmar o caracter anovador da obra de Xela Arias pero tamén para chegar coa literatura galega a públicos novos”
“Outras voces para as letras de Xela” consta de quince pezas audiovisuais que confluén na intención de render homenaxe á poeta da Vilerma no ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Con escenarios vinculados a súa infancia, entre o rural de Sarria e a cidade de Lugo, como pano de fondo, os vídeos retratan a Xela Arias a través da súa poesía, de textos literarios clásicos que traduciu ao galego e de reflexións biográficas.
Escritoras e escritores lugueses coma Olga Novo, Marica Campo, Helena Villar, Raga Lobelle, Carmen Blanco, Xesús Rábade, Lois Pérez, Claudio Rodríguez Fer homenaxean a esta activista das letras, da lingua e da acción social e cultural, comprometida e multidisciplinar.
A obra de Xela Arias tamén se revisa desde a danza e a expresión corporal a través de artistas como Carlota Pérez e desde a perspectiva que ofrecen persoas anónimas, nenas e e nenos e público adolescente dos centros educativos que len os primeiros escritos infantís en prosa da autora.
A serie audiovisual incorpora ademais as voces dalgúns dos seus familiares máis achegados coma o seu fillo Darío Gil ou o seu irmán Lois Arias.
Os vídeos, con realización e fotografía de Lorena Gallardo e Humberto Novoa, difundiranse a través das canles dixitais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo desde a vindeira semana, coa estrea dunha entrega os martes e xoves ás 20.30 horas.