Site icon Crónica3.com A Mariña

A rexeneración da praia de Altar suscita dúbidas ao goberno local de Barreiros, que solicita unha xuntanza coa subdelegada

Barreiros, 15 de abril de 2021. A alcaldesa de Barreiros, en nome do goberno municipal, trasladou á corporación municipal nunha comisión de asuntos do pleno as dúbidas e traballos realizados nas últimas semanas a respecto do proxecto publicado a primeiros de mes para a estabilización da praia de Altar, acordando a solicitude dunha xuntanza coa subdelegada do goberno na que lle expoñerán as conclusións acadadas.

Desde o goberno municipal manifestan que nestas semanas estiveron mantendo xuntanzas e conversas con distintos actores, tanto a nivel técnico como institucional, co fin de “facernos unha composición de lugar da solución proposta e as consecuencias futuras das decisións que se adopten.”

A alcaldesa asegura que a adopción dunha postura desde o Concello de Barreiros debe conxugar e poñer nunha balanza o resultado final da solución presentada e outras aspectos que desde a administración local tamén deben afrontarse. Polo tanto, “do que se trata é de valorar o resultado final en ponderación coas actuacións a realizar; sendo conscientes de que calquera opción que se escolla ten consecuencias sobre o conxunto do estuario e, en particular, sobre o areal de Altar, incluída a opción de non levar a cabo ningunha actuación”, explica.
Nas distintas conversas mantidas nestes días, trasladouse tanto por parte da Dirección Xeral de Costas como pola Subdelegación do Goberno, a total disposición a escoitar o sentir dos gobernos municipais; polo que analizadas as repercusións de todo tipo que podería ter seguir adiante coa solución presentada, acordouse solicitar á Subdelegación do Goberno unha xuntanza na que tamén participe o goberno de Foz para trasladarlle a consideración de estudar a aplicación doutras alternativas, sendo conscientes de que a solución mellor valorada tecnicamente no seu conxunto é a presentada no proxecto sometido a exposición pública neste momento.

En calquera caso, a alcaldesa manifesta que “a función das administracións públicas, entre outras, é a de presentar solucións globais aos problemas existentes, ponderando todas as variables e consecuencias das actuacións no entorno público.” Por esa razón, solicitarán a xuntanza coa subdelegada do goberno para trasladarlle a posibilidade de realizar novos estudos ou outras alternativas menos agresivas, aínda que deban realizarse con certa periodicidade.

A corporación de Barreiros, ao igual que o goberno municipal de Foz, asume a complexidade de dar solución a unha situación que se vén producindo desde hai décadas e na que existen unha importante diversidade de visións que deben conxugarse. Unha vez analizadas os distintos prismas e implicacións existentes, trasladarán que non consideran oportuno poñer en marcha neste momento a solución presentada pola Dirección Xeral de Costas; polo que trasladarán a oportunidade de realizar novos estudos sobre alternativas menos agresivas, aínda que poidan supoñer un resultado menos permanente no tempo.
A alcaldesa explicou que, tras varias xuntanzas para estudar o proxecto e ter recibido as explicacións técnicas oportunas, o goberno municipal optou por trasladar dita información ao grupo da oposición antes de realizar un posicionamento público. Ana Ermida explica que “se optou por este xeito de actuar por unha cuestión de responsabilidade e lealdade institucional: coa oposición, que representa unha parte importante da veciñanza e tamén con outros gobernos, como o do Concello de Foz ou o do Estado.”

Exit mobile version