Site icon Crónica3.com A Mariña

A nova directiva da asociación de hostaleiros da provincia coñece as axudas e proxectos da Xunta para recuperar o sector

Lugo, 8 de abril de 2021. A Xunta de Galicia está a desenvolver un amplo abano de medidas para axudar á hostalería neste difícil contexto sanitario, e continuará apoiando ao sector para que poida manterse a flote en tanto a situación non permita o normal desempeño do seu traballo. Así o trasladou o delegado territorial, Javier Arias, na primeira xuntanza que mantivo coa nova directiva da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL), que continúa presidindo Cheché Real.

A reunión serviu para valorar as medidas que están en marcha ou en proxecto para os próximos meses. En primeiro lugar, Arias lembrou que a Consellería de Emprego e Igualdade está a abonar as axudas directas do segundo Plan de rescate, ao tempo que deseña a terceira edición xunto cos empresarios, sindicatos e autónomos no marco do Diálogo Social e na Mesa do Emprego Autónomo, para activalo en canto o Estado transfira os fondos necesarios. O delegado lembrou que a Xunta xestionou os dous primeiros plans coa máxima axilidade, “de forma que en catro meses mobilizamos 161 millóns de euros de fondos propios”.

Igualmente, apuntou que o Goberno galego tomou a decisión de eximir ás empresas de devolver axudas nas que non puideron facer fronte a determinados compromisos marcados nas bases das convocatorias sempre que demostren que é como consecuencia da covid-19, prestando especial atención aos sectores máis afectados por esta crise.

Esta medida de apoio dá continuidade a outras xa aprobadas con anterioridade, como a decisión de favorecer a solvencia de pemes e autónomos ampliando os prazos de reembolso dos préstamos e microcréditos, así como o período de carencia dos mesmos que pasa de 12 a 24 meses.

Hostalería segura
Javier Arias afirmou que a Xunta “facilita a apertura da hostalaría na medida en que as condicións sanitarias o permiten” e apelou á responsabilidade “non só do sector, senón tamén dos usuarios para que se poida manter a actividade”.

O delegado insistiu en que a hostalería está a realizar un gran esforzo de adaptación ás restricións sanitarias para mostrarse como unha actividade segura. A Xunta facilitoulle ferramentas a través da plataforma web Turespazo, na que os hostaleiros poden descargar os carteis informando de aforos e outras cuestións e xerar o código QR do establecemento, co fin de facilitar o rastreo de posibles contaxios.

Paralelamente puxéronse en marcha iniciativas para incentivar o turismo interior, como o bono turístico. Neste momento está aberto o prazo para que se adhiran os establecementos e empresas interesadas en participar, e proximamente abrirase a convocatoria para os cidadáns.

Ocupación turística na Semana Santa
“Galicia amosou estes meses ser un destino turístico seguro e mostra diso é que resistiu mellor que o conxunto de España, cun diferencial sempre positivo segundo os datos publicados polo INE”, afirmou Arias.

A ocupación media en Galicia durante a Semana Santa oscilou entre o 55% e o 65%, tendo en conta que abriron entre o 20 e o 25% dos establecementos turísticos. Porén, en territorios como a Mariña lucense ou a Ribeira Sacra superaron as cifras de ocupación media, situándose as ocupacións por riba do 80%.

“Desde a Xunta seguimos traballando para apoiar ao tecido empresarial e garantir tanto a liquidez como a súa solvencia. Esta é a mellor forma tamén de xerar confianza e a maior estabilidade posible, tanto a nivel laboral como económico”, concluíu o delegado.

Exit mobile version