Castiñeira cre que esta forma de actuar do alcalde é “unha autentica falta de decoro e de respecto á corporación municipal, en tanto que decidiu unilateralmente algo que corresponde aos 17 concelleiros que conforman o pleno”. Destaca que a iniciativa do alcalde tampouco conseguiu días antes “o apoio dos seus socios de goberno, que ao parecer, descoñecían, igual que o resto dos grupos, o cambio de imaxe corporativa que presentara Cajoto”.
O portavoz popular di que “ante a presumible falta de apoio dos seus socios e ante unha oposición absolutamente indignada de ver como o PSOE se salta as competencias plenarias, o alcalde decidiu retirar da orde do día a súa propia proposta, algo que é totalmente ridículo”.
O Partido Popular tiña decidido votar en contra da proposta, dado que nin foi informado nin foi consultado de tal cambio e soubo polo medios de comunicación da nova iniciativa. Castiñeira indica que “na mesma situación parecen estar FPF e BNG, posto que ninguén mostrou o apoio á iniciativa socialista, o que fixo rectificar ao señor alcalde que intuíu que non tería maioría”. É, din os populares, “ unha nova metedura de pata dun alcalde totalmente sobrepasado, que erra cada vez que decide facer algo”.
Castiñeira sinala: “No Partido Popular non entendemos a paciencia inxustificable do BNG, que fai de muleta das innumerables cajotadas que estamos a ver nestes dous anos de bipartito”. Declara: “O vivido o pasado luns é unha demostración máis da falta de confianza e do nulo traballo en equipo do bipartito focense, con fotos por individual e sen apenas comunicación, o que provoca erros e dimisións que comprometen o descorrer diario dun concello tan importante como é o de Foz”.