Lugo, 26 de abril de 2021. A Deputación de Lugo presentará alegacións en apoio ao mantemento do nome oficial de “Ría de Ribadeo” no procedemento aberto polo Goberno do Estado para admitir o nome de “Ría do Eo”.
Así se recolle na proposta que o goberno provincial levará ao pleno deste martes, segundo anunciou a deputada Mónica Freire. A tamén concelleira ribadense explicou que “a institución provincial presentará as alegacións acompañadas dun informe técnico que recollerá a documentación e argumentación histórica e linguística que avala o mantemento de Ría de Ribadeo como topónimo oficial do estuario”
“A Deputación de Lugo non pode quedar ausente na defensa da nosa toponomia e do nome historicamente empregado por habitantes de Galiza, Asturies e de calquera outra latitude para referirse ao estuario”, expuxo a deputada nacionalista.
Segundo se recolle na proposta do goberno provincial, “Ría de Ribadeo” foi o único termo empregado na oralidade polos habitantes das dúas beiras da ría até que hai poucas décadas se introduciu un “debate imposto e interesado” que en ningún momento existira na sociedade eo-naviega.
Asi mesmo, a moción, promovida polo BNG, alude á “abundante documentación” que acredita a oficialidade da nomenclatura “Ría de Ribadeo”, documentos históricos como cartas do almirantado inglés datadas no século XVI e informes de natureza técnica e científica recollidos en cartografía hidrográfica, topográfica, atlas e publicacións xeográficas a nivel mundial.
Alén diso, a proposta, promovida polo grupo do BNG, sinala que o recoñecemento de Ría del Eo como topónimo oficial iría en contra de toda a nomenclatura oficial existente no referentes ás rías galegas e asturianas nas que os nomes rexistrados coinciden co nome da localidade, non do río.
Mónica Freire demanda a implicación da Xunta de Galiza
A deputada Mónica Freire instou “a Xunta de Galiza a seguir os pasos da Deputación de Lugo e implicarse no proceso administrativo para que “Ría de Ribadeo” se manteña como único topónimo oficial do estuario”. Nese sentido, lembrou que “ a propia Xunta de Galiza se manifestou favorablemente a respecto do uso do topónonimo en 2008”.
A deputada e concelleira ribadense dixo agardar “a unanimidade do pleno provincial para reforzar a demanda fronte ante o goberno galego o Goberno do Estado, concretamente, ante o Instituto Xeográfico Nacional, a entidade que está a tramitar a solicitude do Principado de Asturias para que se oficialice o nome de Ría do Eo”.