Este é o último paso para formalización da extinción da sociedade, logo de que fora sometida a exposición pública e non se rexistraran alegacións. A Comisión Liquidadora, formada por representantes dos tres grupos políticos con representación na institución, remataron o proceso de liquidación nun tempo récord, dun ano e dous meses. E, despois, o Pleno da Deputación de Lugo celebrado de forma extraordinaria o 30 de novembro, adoptou a decisión de extinguir SUPLUSA.
Un proceso que garante o compromiso feito pola institución provincial de manter todos e cada un dos postos de traballo das persoas que traballaban en SUPLUSA e de protexer os seus dereitos laborais. Así mesmo, ao eliminar o último ente instrumental que quedaba na Deputación, vese cumprido un acordo recollido no pacto de goberno do PSdG e o BNG, que fará á administración máis eficaz e útil para a cidadanía, gañando máis control dos fondos públicos e máis transparencia.
Efectos da extinción de SUPLUSA para a Deputación
A Deputación faise cargo dos bens inmobles de SUPLUSA, cun valor de taxación que ascende aos 24,3M€. Entre eles, atópanse terreos, parcelas, edificios, naves, maquinaria, medios auxiliares e vehículos, entre outros.
Igualmente, a Deputación asume a xestión dos polígonos industriais nos diferentes puntos nos que se encontran cada un deles. A xestión dos polígonos é o único servizo que ofrecía xa SUPLUSA, despois de que no ano 2018 se lle retirase o de xestión dos Centros de Atención a Maiores e, a finais do ano pasado, se decidise encargar á empresa pública TRAGSA, como medio propio da institución, o mantemento e conservación de zonas verdes.