“Sendo conscientes da dificultade desta operación, o goberno non pode escapar de dar os pasos necesarios. Xa non se trata de acompañar unhas negociacións como as de setembro entre dúas empresas privadas (Alcoa e Alliance), senón de romper o xogo da multinacional norteamericana, que está claro que non vai facilitar a venda, e colocar o proceso nun punto máis próximo ao acordo”, subliñou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a reunión.
Carril considerou indispensábel que a fábrica de aluminio da Mariña quede baixo control da SEPI antes de rematar o prazo de negociacións establecido “aínda que o comprador final non sexa Liberty House. Pois só así se poderá abordar a busca dunha nova propiedade coa tranquilidade e a seguridade de manter a produción e os empregos”.
Neste senso, aseverou que resulta intolerábel que logo dos meses transcorridos dende que Alcoa se abriu a vender a planta ao goberno español, non haxa máis avances que a presentación por parte de Alcoa da folla de condicións nas que entende debera realizarse a operación.
“A interlocución entre as partes ten que ser máis intensa para culminar o antes posíbel”, reiterou, lembrando que nada máis Alcoa frustrar as negociacións con GFG Alliance o pasado setembro, xa se producira “un avance substancial nas ofertas que o goberno español formulou a Alcoa, polo que non se entende que pareza que estamos retrocedendo cando o normal sería ter alcanzado xa un acordo”.
De igual xeito, a CIG preocúpalle que Alcoa pretenda gañar tempo con esta manobra, na espera de que prospere o recurso xudicial contra a sentenza que anulou o ERE e retomar así os seus plans iniciais de parada das cubas, despedimentos masivos e peche.
O secretario xeral da CIG alertou que mentres goberno e empresa enredan, as instalacións continúan deteriorándose pola falta de mantemento e investimentos, pérdese posicionamento no mercado xa que a planta non está totalmente operativas e pérdense tamén postos de traballo.
Finalmente, Carril instou a SEPI a buscar compradores alternativos, tendo en conta as dúbidas financeiras que xera nestes momentos GFG Alliance “que non responden as garantías abordadas nas conversas de setembro”. “Pero para abordarmos esta busca con calma é preciso que a fábrica estea dentro da SEPI”. En calquera caso, conclúe, a existencia deste proceso “non imposibilita unha intervención pública directa se o paso do tempo afasta aínda máis unha saída de viabilidade que permita manter a produción de aluminio e todos os postos de traballo”.