Burela, 22 de abril, 2021. A Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación Provincial e a Delegación Municipal de Cultura do Concello de Burela, presentan o espectáculo “A Aldea das mulleres” a cargo da compañía Tarabela Creativa, que se desenvolverá o día 24 de abril ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura. A entrada será libre e a obra destinada a público xuvenil-adulto.
“A Aldea das Mulleres” é o novo espectáculo de Carmen Conde, que transcorre ao tempo que debulla fabas. Mentres ela vai debagando historias, con ese poder simbólico que ten “buscarse os feixóns”, constrúe a aldea das mulleres con relatos das súas habitantes, que rexen o seu destino, teñen as súas leis, viven empancipadas e tallan en pedra ornamentada os seus nomes para a Historia. E, como fío condutor, unha legume chea de supersticións, maldita, cargada de ánimas, empregada para a xustiza, como afrodisíaco e como único alimento para roer en tempos da fame. Fabas e mulleres nunha sesión-aldea que acubilla liberdades, rompe silencios a achega ao público historias apañadas da horta da realidade.
A Aldea, á par do proceso de construción dunha aldea , o proceso de desconstrución do privilexio. Por iso este espectáculo é unha mostra de ambos procesos simultáneos : a creación dun relato-aldea, a posta en evidencia do privilexio. Ambas están sen rematar.
O privilexio é igual que o osíxeno , non te das conta de que o tés ata que che falta. E a Carmen non lle importa en absoluto que o resto da xente respire a pulmón cheo. De feito, isa é a súa vocación.O que de verdade lle asusta é que por respirar ela con excelencia, non se decate de que ten ao lado unha compañeira asfixiándose . Que non o socorra nin a ampare. Porque o feito de que a ela si que lle chega o aire.