Site icon Crónica3.com A Mariña

“23, 25, 27… e outros días”, por Antonio Gregorio Montes

Os números, a máis do seu significado de cantidade ou orde, poden admitir máis significados simbólicos. O de data é un dos posibles, e, dentro da data, a simboloxía da lembranza. No mes de abril os símbolos multiplícanse. Collamos o día 27. Para moita xente non terá un significado especial. Para min si é moi particular: representa a data na que nacín hai xa moito tempo.

O 25? Tamén é moi particular para min por outra razón, mais ten un significado que celebra a lembranza de todo un pobo, o pobo portugués, coa vista posta na súa revolución. Pacífica, simbolizada polo caravel, mais emerxendo na memoria como un forte símbolo polo que antes de conseguilo houbo que (houberon de) traballar e sufrir. Agora mirámolo como unha data festiva, con máis ou menos simpatía, pero o símbolo está aí, con vida propia, xa independente dos seus factores, dos que o fixeron posible, moitos xa mortos e esquecidos, e mesmo de cada un de nós que estamos a contemplalo, aínda que cada un inflúa na súa interpretación e memoria nun conxunto social que o incorporou na súa traxectoria compartida.

O 23 é unha conmemoración doutro tipo. Si, é social tamén, cun forte significado, mais doutro tipo. Aínda que o seu recoñecemento sexa meirande a nivel mundial que o 25, foi un acordo de oficina que o mesmo podía terse tomado en favor do, poñamos, 1 de febreiro. A cabalo entre simbólico e comercial, representa unha data que moita xente ancora na súa vida para mercar e ler algún libro. A nivel particular meu, non me representa nada especial, pero é un día polo que me gusta pasar.

E hai moitos máis. En canto a representación de data, todos os días significan algo. Non fai falta que sexan impares consecutivos, nin que encaixen de xeito natural. Explícome. Probemos a montar unha pequena película, é dicir, unha historia. O de menos, neste caso, é que corresponda coa realidade. Non estamos nos tempos da fake news? Esta historia non ten nin o interese de amosarse como tal, senón como historia ficción, aínda que ‘ben puidera ter moito de realidade’. Así queda, coma unha homenaxe arredor do día do libro… e doutros. Collamos o 6. O 6 de abril. Celébrase o Estatuto de Autonomía de Galicia: 6 de abril de 1981. Que é o que se celebra del? Foi o día no que a Súa Maxestade Juan Carlos I de España (e máis títulos) plasmou a súa sinatura xunto á do Presidente do Goberno Español daquela, Leopoldo Calvo Sotelo, nuns papeis que levaban escrito o documento. E así, celébrase o 6. Pero… non foi publicada ata o 28 de abril, no BOE 101 de 1981. É dicir, ata o daquela, non foi nin papel mollado. E xa temos outra data con tanta posibilidade de celebración coma o 6 de abril, o 28. Como o BOE non é ningún borbón nin presidente de nada, a pesar de ser a data efectiva de posta en marcha, queda fóra das celebracións. Pero é que hai outra data, aínda no 1980, que non se debe escapar. A celebración, e aprobación polo pobo, do referendo que dá nacemento ó estatuto. Foi o 21 de decembro de 1980, sen BOE nin borbón. Con baixa participación, si, pero a raíz do traballo de formiga de moita xente que sería unha idiotez cuantificar en número, porque o traballo pode ser de diferentes intensidades, e e diferentes momentos no tempo, herdar o feito polos demais, o Estatuto de 36… Volvendo ó tema, que data se celebra?

Seguiremos a celebrar unha data, pero o pobo, soberano -soberano?- fíxoo posible noutra, tan a celebrar como aquela, pero que se conmemora doutro xeito, aparte, e a aplicación real foi a partir doutra terceira, que non lembro ter escoitado celebrar nunca. Seguiremos. Isto das datas de celebración ven ben como lembranza, pero a base diso, de lembrar o feito, remátase por esquecer os antefeitos, o traballo e ideas que levaron a que o feito fora posible. É dicir, remátase por esquecer a base, o importante, o que é necesario para manter vivo ese feito que celebramos e temos. Moitos outros días dos que non escoitamos falar, que non quedaron nin para a lembranza, pero que fan posible que lembremos.

Exit mobile version