Lugo, 29 de marzo de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Alcalde de Meira, Antonio de Dios, o Concelleiro de Comunicación e Relación Institucionais do Concello de Foz, Carlos García, e representantes dos guías de turismo que realizarán as actividades, presentou nos Xardíns do Pazo de San Marcos o programa de actividades que a institución provincial pon en marcha con motivo do Día da Transrománica. Esta iniciativa, que celebra a súa xornada internacional o domingo 9 de maio, contará na provincia con 14 rutas que se levarán a cabo nunha xornada de portas abertas ao románico da provincia.
Os itinerarios serán de balde e cun máximo de 8 persoas por visita, e estarán dirixidos por un guía oficial de turismo. No caso de Meira e de Foz, os concellos colaboran nesta conmemoración ofrecendo estas visitas da man das guías municipais que traballan nestes municipios.
As inscricións ábrense o venres, 30 de abril, ás 10.00 horas, e permanecerán abertas ata o día anterior ás actividades, o 8 de maio, ás 12.00 horas, ou ata completar aforo. En total ofértanse 112 prazas e as persoas interesadas poderán inscribirse na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org.
As rutas que se poden realizar o día 9 de maio son as seguintes:
Ás 10.30 horas
– Catedral de Lugo e cidade medieval
– Ribeira Sacra – Carballedo
– Ribeira Sacra – Monforte de Lemos
– Ribeira Sacra – Taboada
– Ribeira Sacra – Pantón
– Ribeira Sacra – O Saviñao
Ás 10.40 horas
– San Martiño de Mondoñedo, en Foz
Ás 11.00 horas
– Camiño Francés I – Sarria
– Santa María de Meira
Ás 16.30 horas
– Románico do Lugo rural e Guntín
– Románico da Ulloa
– Camiño Francés II: Portomarín e San Facundo de Ribas de Miño
– Ribeira Sacra – Chantada
– Ribeira Sacra – Sober
O Presidente subliñou que estas actividades “se realizarán en consonancia cos restantes membros da asociación Ruta Transrománica na conmemoración do Día da Transrománica. Isto permitirá que o noso territorio e os nosos recursos patrimoniais conten cunha proxección internacional”. “Estas iniciativas permiten que os veciños e veciñas da provincia descubran os recursos que ofrece Lugo, coñezan o patrimonio que teñen a carón da casa e sexan os primeiros promotores dos nosos recursos”, destacou.
Promoción europea
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participará nun audiovisual no que se darán a coñecer todos os membros da Ruta Transrománica. A responsable da área gravou un audiovisual ante a igrexa de San Xoán ou San Nicolás de Portomarín, no que invitou a visitar as 10 igrexas incluídas na Ruta Transrománica da provincia de Lugo cando a situación sanitaria mellore.
A Ruta Transrománica está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas en 10 concellos da Ribeira Sacra.
As igrexas que inclúe a candidatura son as seguintes: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.