Lugo, 09 de abril de 2021. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que en tres días, dende onte e ata mañá sábado, 11600 lucenses de entre 75 e 79 anos de idade están a recibir a vacina contra a covid-19 nos hospitais da provincia. Arias comprobou como marcha a campaña no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), que asume ao 64% dos convocados (7400 persoas); 2400 usuarios vacinaranse no Hospital da Mariña e 1800 no de Monforte de Lemos.
A campaña desenvólvese en xornadas intensivas dende as 8.30 ata as 21.30 horas. O Hula dispuxo ata nove postos de vacinación para atender ás preto de 2500 persoas citadas para hoxe; na Mariña están citadas este venres 800 persoas e en Monforte de Lemos 600. Arias subliñou a “axilidade no proceso, sempre que contemos con vacinas, que permitiu que a práctica totalidade dos lucenses maiores de 80 anos teñan recibido unha dose, e a metade deles as dúas, un avance moi importante porque é o colectivo de maior risco”.