Site icon Crónica3.com A Mariña

Xuventude polo Clima concéntrase este venres en Ribadeo

Ribadeo, 17 de marzo de 2021. Xuventude polo Clima concentrarase por todo o planeta o 19 de marzo, baixo o lema #NonMáisPromesasBaleiras, para denunciar a inacción dos Estados comprometidos no marco do Acordo de París, en coordinación coa Folga Mundial polo Clima na que participarán personalidades do movemento, como Greta Thunberg.

Ó rubricar o acordo de París, os Gobernos asinantes obríganse a evitar un cambio climático perigoso mantendo o quecemento global moi por baixo dos 2°C e esforzándose para limitalo a 1,5° C. Tamén deben mellorar a capacidade dos países para adaptarse ós efectos do cambio climático. Pola contra, datos das Nacións Unidas indican que a falta de ambición e de compromiso real lévannos cara un aumento da temperatura global moi por riba dos 3 ºC.

A concentración en Ribadeo terá lugar no Campo da Egrexa da Vila, na praza de España, ó redor do quiosco da música, ás 12h. Durante a xuntanza lerase o manifesto de Xuventude polo Clima sinalando a urxencia da situación actual: o 2020 foi o ano máis cálido xamais rexistrado. A maiores nesta ocasión afrontamos unha gravísima crise sanitaria, en parte causada pola destrución de ecosistemas naturais e a perda de biodiversidade xunto cun proceso de globalización que non coñece límites.

É necesario transitar cara a un modelo que sitúe ás persoas no centro a través de medidas concretas e máis ambiciosas. Estas decisións deben ter carácter urxente: non queda máis tempo para protexer o futuro das próximas xeracións. Por iso, a mocidade demanda este venres #NonMáisPromesasBaleiras.

Xuventude polo Clima chama a facer concentracións responsables, con todas as medidas anti-Covid, mantendo distancias, con mascariña, e traendo cada quen unha pancarta individual de cartón cunha mensaxe. Ó rematar o acto deixaremos as pancartas penduradas do quiosco da música até a noite para que poida lelas toda a veciñanza.

Sobre Xuventude polo Clima
Fridays for Future é un movemento ecoloxista e apartidista da mocidade internacional que reclama acción contra o cambio climático e o quecemento global. Naceu da man de Greta Thunberg, activista sueca que comezou a manifestarse cada venres fronte o Riksdag (parlamento sueco) en agosto de 2018, en horario escolar. Esixía á clase política e á sociedade un cambio de paradigma para frear o cambio climático.

Hoxe, a súa voz é mundial e chega tamén a Ribadeo, onde buscamos a mobilización pacífica para pedir medidas reais ante a situación insustentable, a través da concienciación e a acción. Porque sen planeta, non hai futuro.

Exit mobile version