Burela, 21 de marzo, 2021. As Guerreiras puxeron o broche ao maratón de Vista Alegre desta fin de semna reecontrándose co triunfo fronte a Móstoles FSF (6-0), tras o empate con Alcorcón FSF (3-3) e a gran sorpresa de Primeira Masculina fronte ao líder, Levante VDE FS (3-1). O Pescados Rubén Burela ofreceu unha grande imaxe nunha cita moi completa, con intensidade, presión, dominio e sobre todo acerto goleador fronte a un equipo que vai pelexar polo título.
Abriron as mariñás o luminoso no 5, cun disparo de Cami ao segundo pau, que meteu Sara Santos en propia despois da pugna con Lara Balseiro. Sen tregua, o Pescados Rubén ampliou a renda no 8 como minuto de ouro; tras o 2-0 de M. Cortés en lanzamento cruzado, Jane volveu ver a rede en contragolpe. Elena Aragón a punto estivo ver o cuarto con 15 segundos para o ecuador do primeiro acto, cun pase ao segundo pau que se paseou moi preto da liña de meta. Ale de Paz interveu, moi oportuna, para cortar a Benete á contra, no 13, nos mellores momentos de Móstoles. A de Neda volveu tela pouco despois, a pase de Jane, con Silvia novamente como protagonista. Non puideron aproveitar as de Julio Delgado o dobre penalti de Peque, no 18, e Jozi estivo perfecta para manter a distancia de 3-0, ante Celia e Inma; xa gañara antes o man a man ante Benete.
Volveu a avalancha laranxa. Tras as as tentativas de Ale de Paz e Dany, Peque rubricou o 4-0, aproveitando o rexeite de Leti (minuto 23). O brillo da capitá volveu facer acto de presenza tan só dous minutos despois rozando o quinto nunha picada. Desencadeando no ecuador chegou o traballo para Jozi baixo paus. A hispano-brasileira gañou a serie de rexeites ante Desi Godoy; o pau freou a Patri Chamorro e de novo a meta local fíxose grande por partida dobre ante Benete. Traballou o Pescados Rubén Burela merecendo o quinto, que chegou no minuto 33, con Ale de Paz, nunha asistencia de Lara. Móstoles topouse unha e outra vez con Jozi como verdugo, que tamén fixo cachizas as intencións visitantes no dobre penalti de Patri Chamorro na recta final. Peque selou o definitivo 6-0 a falta de 39 segundos para a bucina, apoiada en Jane á contra.
Segunda fase, inicio o sábado 27
Á espera da resolución da RFEF polo partido aprazado con Majadahonda, as Guerreiras xa se poñerán a mans á obra para preparar o inicio da segunda fase, liderando o Grupo B, no que tamén se clasifican Torreblanca Melilla, AD Alcorcón FSF e Móstoles. No Grupo A, pelexarán polo play off Futsi Atlético Navalcarnero (44), Roldán (37), Poio Pescamar FSF (35) e Ourense Envialia (26).
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Jozi Oliveira, Dany, Peque, Ale de Paz, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Cami, Lara Balseiro, Jane, Bea Mateos, Elena Aragón, Luísa Mayara
Móstoles FSF: Silvia Milla, Patri Chamorro, Celia, Ina, Benete, cinco inicial; tamén xogaron Shiori, Sara Santos, Desi Godoy, Ari
Goles: 1-0, minuto 5, Sara Santos ( p. p); 2-0, minuto 8, M. Cortés; 3-0, minuto 8, Jane; 4-0, minuto 23, Peque; 5-0, minuto 33, Ale de Paz; 6-0, minuto 40
Árbitros: Rodríguez Rendal // Muñoz García (Asturias). Por Burela amarela para Lara Balseiro (minuto 34). Por Móstoles amarela para Sara Santos (minuto 24)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 12 de Primeira División Feminina disputado en Vista Alegre de Burela.