Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inclúe 22 novos concellos na listaxe de municipios que se poden beneficiar dun incremento dun 30% do importe da axuda correspondente para paliar os danos que provoca o lobo nas explotacións afectadas.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, trasladou esta decisión do seu departamento ás tres organizacións agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego de Galicia e Asociación Agraria de Galicia), despois de que o Diario Oficial de Galicia publicara unha modificación da Orde pola que se convocan estas axudas, concretamente a modificación do Anexo III, polo que se amplía a listaxe de concellos beneficiarios.
Así, aplicaráselles unha bonificación dun 30% sobre o importe da axuda ás explotacións gandeiras que se atopen nos municipios de: A Laracha, Lousame, Ortigueira, Oza-Cesuras, As Somozas, Chantada, Guntín, Lugo, Paradela, Sarria, O Saviñao, Taboada, Viveiro, Xove, Castro Caldelas, Celanova, Nogueira de Ramuín, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Pontevedra e Silleda.
As contías concedidas variarán en función das especies afectadas e dos tramos de idade, oscilando entre os 26 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto e os 1.817 euros dunha vaca de raza autóctona de entre 2 e 6 anos de idade; pero nos 22 municipios indicados anteriormente a axuda poderá incrementarse nun 30%.