O rexedor, Alfonso Villares, participou no acto que se desenvolveu no Polígono Industrial de Cuíña, en concreto na parcela que foi cedida pola Administración local ao Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) “como unha aposta municipal polo I+D+I que nos permite agora situar a Cervo como punto estratéxico de referencia para un sector en potencial crecemento como é o mundo dos drons”.
Villares precisou que “é unha satisfacción ver como a día de hoxe podemos ver xa os froitos desta aposta que se xestou vai 5 anos, e que se rubricou a comezos do pasado ano a través da cesión ao ITG da parcela 165 do Polígono de Cuíña que conta cunha superficie de 2.365 m2”.
O rexedor recordou que este é o segundo ensaio que se produce neste polo experimental en poucos meses xa que no mes de outubro “fomos testemuñas tamén dunha serie de exercicios de salvamento con drons realizados polo ITG en colaboración coa AXEGA); e puxo de manifesto “a importancia que estas probas poden ter para o noso municipio, situándoo no mapa da vangarda tecnolóxica non só a nivel galego, senón tamén a nivel nacional”, tendo en conta o sinfín de aplicacións prácticas que a medio prazo van ter estes dispositivos.