Site icon Crónica3.com A Mariña

Vega pide que se devolva o diñeiro dos recibos da auga e do lixo cobrados no peche

Ribadeo, a 22 de marzo de 2021. O voceiro popular de Ribadeo, Daniel Vega, esixe ao goberno local do BNG que “devolva o diñeiro correspondente a aqueles recibos da auga e do lixo que xa se cobraran e os que aínda non se enviaron, que non se envíen”.

O popular explica que “o goberno local manifestara que non ía cobrar estes recibos correspondente ao período no que estiveron pechados os negocios”; pero Vega asegura que “dispoñemos de documentación que acredita que lles enviaron igualmente os recibos a moitos locais que os teñen xa pagados, a pesar de que non se ían cobrar. Se prometeron algo, que o cumpran”, manifesta.

Vega recorda que “o Grupo Municipal Popular propuxo dende o primeiro momento no que as autoridades sanitarias decretaron o peche dos negocios como medida para o control da pandemia da covid-19 que o Concello suspendese temporalmente o cobro dos impostos e taxas municipais”.

Os populares defende suspender cobros e o goberno local complícao con burocracia
Os populares levaron ao pleno esta iniciativa en varias ocasións en consonancia co que lles trasladaron moitos propietarios de locais que tiveron que pechar as súas portas, pero “lamentablemente o goberno local do BNG non o entendeu necesario e seguiu cobrando todos os impostos e taxas”.

Segundo critica Vega “o único que fai o executivo local é cobrar impostos”. E, nese sentido, critica que “esixa moita documentación, unha burocracia absurda, porque complica as cousas”.

Exit mobile version