O ente supramunicipal acaba de facer pública unha guía do xeodestino que xurde seguindo os pasos da súa renovada web para aportar valor engadido aos visitantes da Mariña Lucense. En formato revista, amosa pinceladas de todas as posibilidades que ofrece o destino -coa opción de afondar en diversos aspectos a través de códigos QR e enlaces- e busca favorecer a calidade da experiencia turística e a permanencia do turista no territorio. Xurde tamén coma ferramenta práctica para as oficinas de turismo, aloxamentos turísticos e para reunións e contactos con turoperadores.
Vinteoito páxinas Din A5 e papel reciclado, práctica e áxil, preséntase en versións dixital e impresa co mesmo contido e estrutura. Debido á situación derivada pola Covid19 a versión dixital gaña en importancia, contando cun apartado destacado na web do xeodestino e un perfil específico na aplicación online Issuu, que permite a visualización de revistas dixitais en gran calidade. Ademais, estase traballando en diferentes soportes para acceder á revista a través do seu código QR. Son 3.000 os exemplares editados en papel que se van distribuír entre as oficinas de turismo mariñás.
O presidente da Mancomunidade Fran Cajoto destacou os atractivos naturais e patrimoniais do xeodestino, presentes na guía A Mariña Lucense ao descuberto: “a revista inclúe apartados específicos sobre a gastronomía, actividades na natureza, eventos, produtos turísticos e o Camiño de Santiago do Norte. Hai que destacar a cartografía –os mapas- que se inclúen, que foron realizados expresamente para a publicación. Hai catro mapas específicos do territorio: un xeral dos recursos, un da costa e praias, outro dos espazos naturais e un do Camiño de Santiago do Norte. Se nos perdemos será porque queremos, aínda que perderse na Mariña é sempre unha excelente opción”.
Os textos da guía foron redactados por Claudia del Pino, turismóloga, especialista en planificación territorial residente no territorio e a cartografía foi realizada por Samuel Nájera, doutor en Xeografía pola Universidade Complutense de Madrid e Máster en dinámicas territoriais e desenvolvemento. O deseño e maquetación intenta transmitir unha imaxe de elegancia á vez que dinámica, propia da marca. É obra de Eva Veiga, graduada en Belas Artes e Máster en Dirección de Artes Plásticas. Deseñadora profesional e fotógrafa, residente en A Pontenova. As imaxes que amosan un destino máxico, diferente, tranquilo, diverso e atractivo, foron escollidas do banco de imaxes da Mancomunidade de Concellos da Mariña realizadas na ampla maioría polo fotógrafo profesional Antonio Paz, con colaboracións concretas doutras persoas e entidades. O presidente da Mancomunidade tivo palabras de agradecemento para todos eles polo traballo realizado.
Esta guía súmase a outros folletos turísticos da Mancomunidade como a presentada no pasado mes de outubro para o proxecto das Rutas de Artesanía.
O presidente da Mancomunidade Fran Cajoto dixo que “non é un bo momento para o sector turístico, coa limitación de movementos que provoca a situación sanitaria. Sen embargo, temos a oportunidade de coñecer sitios que nos poden sorprender e que están moi cerca de nós. Así que, coa precaución e cautela necesarias, animamos a todas as galegas e galegos que acudan á nosa comarca. E aos mariñáns, que aproveiten o momento de descubrir o que todos temos ao lado da casa”.
Mais información: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-lucense-ao-descuberto