José Tomé subliñou que estes investimentos da Deputación de Lugo en Ribeira de Piquín responden ao “compromiso de cooperación da institución cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas públicas aos seus veciños e veciñas, independentemente do lugar no que vivan, o que contribúe a fixar poboación”.
Centro de Día
José Tomé comprobou o equipamento do Centro de Día, que, a través do Plan Único 2020, dotouse de electrodomésticos, como lavadora, secadora, conxelador, cadeira de rodas, aspiradora e outros aparellos para o correcto funcionamento deste servizos público por un importe de case 8.000€. Unha contía á que cómpre sumar o esforzo que nos últimos anos fixo a institución provincial para lograr que esta dotación social ribeirega sexa hoxe unha realidade, con máis de 300.000€ destinados. A Deputación de Lugo mantén en vigor un convenio de colaboración para contribuír ao correcto funcionamento deste centro repartido en 4 anualidades (2020-2022), destinando cada ano a institución provincial a contía de 30.000€.
Agora mesmo o Centro de Día de Ribeira de Piquín atópase pechado por mor das restricións sanitarias da Covid-19, pero ata marzo do ano pasado estaba en pleno funcionamento e dende a súa apertura recibiu unha moi boa acollida entre a veciñanza, chegando ata os 20 usuarios e usuarias.
Maquinaria municipal
Así mesmo, o Presidente acudiu á nave municipal onde o Concello dispón da maquinaria e da ferramenta de titularidade propia. Mediante o Plan Único e tamén dun convenio de colaboración, a Deputación sufragou a adquisición de distintos equipamentos cun investimento superior aos 200.000€, distribuídos en varias anualidades.
Entre eles, atópanse dous tractores. Un deles mercouse grazas a un convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello a través do que a Deputación de Lugo destinou 130.000€. A maiores, tamén se dispón de remolques, cisterna e diversa ferramenta que utiliza o persoal municipal para a limpeza de vías e accesos, para o mantemento de zonas verdes e espazos públicos e tamén para dar apoio naquelas actuacións que se consideren necesarias. Unha maquinaria, valora o Presidente, que permite que un gran número de actuacións se poidan desenvolver con medios propios, dando resposta ás necesidades que se dan nos diferentes puntos deste municipio da Montaña.
Luminarias LED
O Concello de Ribeira de Piquín vén desenvolvendo nos últimos anos un proceso de renovación de luminarias LED das parroquias que conforman o municipio ao abeiro do Plan Único nas últimas catro anualidades, destinando a Deputación preto de 50.000€ para mudar as lámpadas existentes por outras de baixo consumo neste municipio. O Presidente xunto ao Alcalde e á Deputada de Réxime Interior coñeceu o funcionamento dos cadros eléctricos novos con protección para sobretensións.
En total renováronse 400 puntos de luz nestes 4 anos, o 80% dos que dispón Ribeira de Piquín, e instaláronse 50 cadros eléctricos. A previsión do municipio, que tamén contemplará no Plan Único 2021 partidas para este fin, é que neste ano queden renovados o 100% das luminarias por outras de baixo consumo. Esta decisión contribuirá a reducir nun 50% a factura da luz, ao mesmo tempo que se logra dotar de puntos lumínicos a zonas do concello que ata o momento carecían dun alumeado de calidade.