Site icon Crónica3.com A Mariña

Talleres de sexualidade para alumnado de secundaria de Ribadeo

Ribadeo, 26 de marzo de 2021. A Concellaría de Igualdade organiza talleres de sexualidade dende o bo trato e de novas masculinidades. Terán como destinatario ao alumnado de secundaria dos centros educativos de Ribadeo.
Desde Concellaría de Igualdade subliñan que “co florecer da primavera que acabamos de inaugurar desde a Concellaría de Igualdade queríamos ofrecerlle ao estudantado adolescente unha serie de talleres que consideramos fundamentais para o seu desenvolvemento ou para que sigan florecendo nos valores de respecto e da igualdade entre as persoas”.
E lembran que “comezamos a pasada semana co espectáculo teatral No sólo duelen los golpes, de Pamela Palenciano dirixido ao alumnado do IES de Ribadeo, do Colexio Sagrado Corazón de Xesús e do Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga e que como era de esperar deixou unha gran impronta no alumnado que asistiu. E hoxe proseguimos co inicio duns talleres que se prologarán ata o 7 de maio baixo o nome de Sexualidade dende o bo trato, que se impartirán ao alumnado de 2º da ESO do IES de Ribadeo e do Colexio Sagrado Corazón de Xesús”.
Desde a Concellaría de Igualdade explican que “tamén se prevén uns talleres non mixtos para o alumnado de 3º da ESO dos centros citados. As alumnas participarán nun taller para traballar e fomentar unha autoestima e sexualidade libres de tabús con profesionais do centro da piscóloga e sexóloga Martina González Veiga Con Muchos Gusto (que tamén se encargarán de impartir os talleres mixtos dirixidos a 2º da ESO) e os alumnos co profesor, experto en novas masculinidades Xosé Cabido. As sesións serán de dúas horas para un mellor aproveitamento. E para finalizar o 22 de abril contaremos cunha conferencia on line baixo o título #NosEnredamos (Youtube, TRICS, Ciberviolencias e moito máis) para o alumnado de 4º da ESO de ambos centros educativos . #NosEnredamos é unha charla formativa que ten dous propósitos conxuntos: a sensibilización e información sobre os riscos e vivencias comúns relacionadas coa xeración Z e as relacións afectivas e sexuais, o uso de redes sociais, a motivación polo apoio social e o empoderamento da mocidade. Baseándose na teatralización e no impacto audiovisual buscando a sensibilización sobre temas relacionados coa prevención da violencia sexista, e o uso das redes sociais mediante o bo trato e as respostas colectivas fronte ao ciberacoso e ás ciberviolencias”.

Exit mobile version