Site icon Crónica3.com A Mariña

Sito rivera xa dirixe o Pescados Rubén

Burela, 1 de marzo, 2021. Tomás de Aquino Rivera Amorós, máis coñecido como Sito Rivera (Mataró, 1956), xa dirixe o Pescados Rubén Burela FS. O técnico catalán foi presentado oficialmente hoxe, acompañado polo presidente da entidade Manuel Blanco, que destacou a súa “ampla experiencia internacional” como a gran calidade do novo adestrador laranxa para que os mariñáns cumpran coa meta de seguir soñando entre os mellores.

Despois de pechar a súa etapa á fronte do Manresa FS o sábado con empate 4-4 ante Salou, Sito Rivera puxo rumbo onte a terras galegas e xa tivo esta mañá a súa primeira toma de contacto co cadro para dirixir a primeira sesión pola tarde. O que foi seleccionador Romanía, Hungría, Italia, Libia e Kuwait, cunha enriquecedora traxectoria ademais no fútbol sala xaponés, chega á Mariña para asumir a rendas dun bonito proxecto ata final de tempada, de gran calidade e con grande estrutura: “É un dos mellores equipos en canto estrutura da mellor liga, a española. Para min non é un orgullo, é un premio” explicaba o técnico sobre o parqué de Vista Alegre.

“Veño con moita ilusión para poder axudar a un cadro de grandes xogadores, como é este. A clasificación manda, sen dúbida. Temos por diante o reto da permanencia, aínda que eu non renuncio a nada. Coa vitoria a Viña Albali e o empate en Zaragoza os xogadores demostraron que poden; o problema radica en que se estea predisposto animicamente a dar un pouco máis. Estes dous resultados poden axudar e eu veño aquí para non renunciar a nada” aseguraba Sito Rivera, destacando as sólidas vimbias dos laranxas.

Osasuna Magna, primeiro test

Coincidindo co descanso ligueiro, o xa equipo de Sito Rivera ten por diante dúas semanas para preparar o seu primeiro test sobre a pista. Será o venres 12 de marzo en Vista Alegre, coa visita de Osasuna Magna (19.30 horas) e o regreso de público. Para a Bancada Laranxa precisamente tamén tivo palabras o novo integrante do Pescados Rubén Burela: “Quérolles pedir o seu apoio para os xogadores, como fixeron sempre. Non é unha casualidade que Pescados Rubén teña dous equipos en Primeira, sendo o Mellor Club Feminino ademais. A afección, sen dúbida, ten moito que ver con iso. Isto é unha Bomboneira real e o seu apoio na bancada, aínda que só estea permitido o acceso de 250 persoas, vai axudar moito”.

Exit mobile version