Cervo, a 22 de marzo de 2021. A CIG critica a nula transparencia nas conversas para a venda da planta de aluminio de San Cibrao e a irresponsabilidade dos gobernos e de Alcoa que seguen xogando co futuro dos traballadores/as e de toda a comarca ao non avanzar nas negociacións. Ademais, coa gravidade de que na reunión deste luns non estivo presente nin o secretario de Estado de Industria, nin o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, manifestou na xuntanza de seguimento celebrada a primeira hora desta tarde, que non se entende que transcorrido estes meses “en vez de avanzar para estarmos xa sobre unha solución, esteamos aínda nunha situación de total incerteza”.
Advirte que canto máis pase o tempo máis se deteriorarán as instalacións que, ademais, precisan dun mantemento e duns investimentos permanentes que a empresa non está facendo. Non hai que perder de vista que nada máis anunciar Alcoa que ía presentar un ERE, as auxiliares Cyrgasa e Reymogasa, que realizan as tarefas de rebrascaxe das cubas, aplicaron un ERTE que a día de hoxe segue vixente.
Por iso, a CIG reclamou axilidade e concreción cando estamos a un mes de que remate o prazo que se deron as partes para chegar a acordo. “Non hai pretexto para que Alcoa e o goberno español continúen sen alcanzar unha solución, tendo en conta as semanas transcorridas dende que a multinacional aceptou abrirse un proceso de venda”.
Neste senso, á CIG preocúpalle que Alcoa pretende gañar tempo con esta manobra, na espera de que prospere o recurso xudicial contra a sentenza que anulou o ERE; e ao tempo “preocúpanos a lentitude do goberno e da Xunta para garantir a continuidade industrial e dos empregos”.
En calquera caso, Carril apunta que a existencia deste proceso de venda da planta non imposibilita unha intervención pública directa “se o paso do tempo afasta máis aínda unha saída de viabilidade que permita manter a produción de aluminio e todos os postos de traballo”.
A comarca da Mariña non pode consentir que se xogue co seu futuro e por iso a CIG considera que, se a mobilización foi determinante para chegar ao escenario actual, é necesario retomar o pulso mobilizador para forzar unha solución que nin Alcoa nin os gobernos parecen acadar.