Foz, 27 de marzo de 2021. O Concello de Foz presenta a programación de primavera Sementando cultura, que inclúe doce actividades para os meses de abril e maio.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “o Concello de Foz enche os días de primavera de actividades culturais para adultos o nenos. As actividades programadas nestes meses de marzo, abril e maio aglutinan dende música a documentais pasando por representacións teatrais ao máis alto nivel. Queremos seguir apostando pola Cultura. Aínda, se cabe, con máis ímpeto en momentos tan complicados coma os actuais. O sector cultural é un dos máis afectados pola pandemia. E, a pesares de non ter un auditorio, Foz segue apostando polas mellores postas en escena para desfrute dos nosos veciños”.
López Couto engade que “durante esta semana, como xa se anunciou, quíxose celebrar o Día Mundial do Teatro. Entre os veciños hai gran afección teatral, que esperamos que dentro de pouco podan retomar para facernos desfrutar a todos de novo”.
A edil anuncia que “o mes de abril comeza con datas festivas. A Semana Santa contará con música polas rúas o xoves 1, acompañando as compras do Comercio na rúa e o domingo 4 coas xornadas gastronómicas, así como a representación de La granja de los niños o sábado 3 ás 18.30 horas. O teatro é un dos grandes protagonistas desta primavera cultural.
Haberá representacións para público infantil os sábados 10 e o 17 abril ás 18.30 horas. E para público adulto os xoves 20 e o 27 de maio ás 20 horas. En abril tamén se quere celebrar o Día do Libro, para o venres 23 organízase un contacontos para adultos ás 20 horas e o sábado ás 18.30 horas será a quenda dos nenos. Todo dentro dunha semana na que se regalarán libros na biblioteca municipal e haberá máis sorpresas. Queremos que os nenos desfruten da lectura dende pequenos e que os adultos lembren o pracer de ter un bo libro nas mans.”
Inés López engade que “xa no mes de maio, o mes das Letras Galegas, o xoves 6 haberá un documental que nos levará pola poesía contemporánea galega. Contaremos coa presenza de Carlos Lourenzo, Emma Pedreira e Yolanda Castaño para darnos a súa visión. E o venres 14 a fundación Bal y Gay organiza un concerto de piano na Basílica de San Martiño, co que colabora o Concello”.
Seguindo os habituais protocolos antiCOVID, para todas as actividades será necesaria a reserva previa, no teléfono 982.140.027, extensión 3. As actividades contan con aforo limitado.
“Esta programación está feita con moito agarimo, incluíndo actividades diversas; esperamos que as veciñas e veciños a desfruten moito”, finaliza a edil de Cultura.