Taramundi, 30 de marzo, 2021. Por segundo ano consecutivo non se celebra en Taramundi a Feira do Queixo e Produtos Locais, quedando emprazada a celebración do 25 aniversario ao sábado de Semana Santa do 2022.
Aínda así, o concello decidiu enviar aos produtores que tiñan confirmada asistencia en 2020, un coitelo de fabricación artesanal gravado co nome da queixería ou empresa. Esta era unha das sorpresas que o consistorio tiña preparado para a celebración da edición do ano pasado; ía ser un recoñecemento aos produtores que ano tras ano acoden á feira, algún deles desde os seus inicios.
A semana pasada enviáronse desde o taller A Cuchillería de Taramundi, os coitelos destinados ás queixerías e outros produtores que habitualmente participaban na feira, coa intención de agradecer a súa fidelidade durante tantos anos e lembrarlles que o sábado de Semana Santa do próximo ano todos esperamos poder celebrar por fin a edición número 25.
Habitualmente participan no certame 47 expositores, entre queixerías de Asturias, Galicia, Cantabria, Castela León, Estremadura, Huelva, produtores de cervexa artesá de Galicia, viño DOP de Cangas del Narcea e produtores locais e artesáns de Taramundi.