Lugo 19 de marzo de 2021. A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou o Museo Comarcal da Fonsagrada, tras as melloras realizadas nas instalacións co financiamento da área de Cultura.
As actuacións centráronse na renovación das contras e na apertura da caixa de ascensor do edificio, situado na Praza do Concello. As antigas contras de madeira sustituíronse por outras de aceiro corten, un material que, no seu aspecto, evoca o mundo e os oficios do ferro, moi ligados á comarca.
A reforma, que supuxo un investimento de 20.000 euros, mellora a estética do inmoble e tamén a súa seguridade xa que, de avanzar o deterioro da madeira, poderían supoñer un risco de desprendemento.
A vicepresidenta explicou que “se trata dunha actuación que nos demandaron desde o Padroado do Museo e coa que nos comprometemos para facilitar e apoiar a continuidade do traballo de estudo e conservación do patrimonio que veñen desenvolvendo desde hai xa catro décadas”.
Maite Ferreiro subliñou a singularidade do Museo “que contou sempre cun gran apoio e implicación por parte da veciñanza, que cedeu boa parte das pezas e obxectos que se mostran no centro”
O director do Museo, Juanjo Molina, avanzou “que están a traballar en dous novos proxectos para a reapertura tras varios meses de peche polas obras e as restricións derivadas da Covid-19, unha exposición sobre o Camiño de Santiago e outra coa obra do pintor e actor Amador Arias”, que agardan poder amosar “no verán”.
Museo Comarcal da Fonsagrada
O Museo da Fonsagrada creouse no ano 1984 da man dun grupo de persoas da comarca con inquedanzas culturais. A súa primeira ubicación foi o o antigo teleclube municipal, que deixaron no 1999 para transladarse ao edificio actual, na Praza de Concello, con máis espazo para albergar as pezas que ía cedendo a veciñanza para conservar a memoria das formas de vida e traballo tradicionais.
A sala de exposición amosa así apeiros de labranza, obxectos relacionados cos oficios tradicionais, con especial atención ao mundo do ferro ou da lousa, e mostras da arquitectura popular da zona. Ademais, conta cunha colección de arte contemporánea de inspiración no mundo, con obras de artistas como Manolo Paz ou Paco Pestana.