Site icon Crónica3.com A Mariña

Rematan as obras do miradoiro de aves en Reme

Ribadeo, 24 de marzo de 2021. O Concello remata estes días as obras de recuperación ambiental do miradoiro de aves que hai na marxe galega da ría de Ribadeo, en Reme, na parroquia de Ove. Para o alcalde, Fernando Suárez, “esta actuación supón un paso máis dentro do compromiso ambiental seguido polo Concello, principalmente no referente á protección, conservación e recuperación dos seus espazos naturais”.

O rexedor contou que “nestes días estamos rematando estas obras de recuperación ambiental do miradoiro de aves que hai aquí na marxe galega da ría de Ribadeo, na parroquia de Ove. Ven substituír a outra infraestrutura que estaba moi deteriorada co paso do tempo e, sobre todo, con moitos signos de vandalismo que tiña”.

Suárez Barcia dixo: “esta actuación, que agora rematamos, fixémola en dúas anualidades a través dunha axuda da Rede Natura 2000, adecuando todo ese espazo, eliminando unha serie de vexetación que impedía a vista marabillosa sobre a ría e, sobre todo, tamén para ir intensificando este turismo de paisaxe e de ornitoloxía que cada vez é máis importante. Non é un perfil maioritario de turismo pero, por mor desta pandemia, é algo que cada vez hai que ter máis en conta. A xente prefire vir a sitios que non estean masificados, que sexan en aberto, que estean en contacto coa natureza e aquí teñen un lugar marabilloso para ver as aves que poboan a nosa ría ao longo de todo o ano”.

O alcalde ribadense sinalou que “esta actuación é pequena, pero supón un paso máis dentro deste compromiso ambiental que temos desde o Concello de Ribadeo, que estamos levando adiante nestes últimos anos a través destas accións como á do Life Fluvial, que levamos adiante coas universidades de Oviedo, de Santiago e de Lisboa, de ir eliminando os eucaliptos que están na beira, na ribeira, nas partes públicas que fomos expropiando na ribeira da ría de Ribadeo, substituíndoas por outras autóctonas propias do noso hábitat. Ao mesmo tempo, con todo isto, o que pretendemos é seguir traballando nesta liña, con este tipo de actuacións, para avanzar neste proxecto ambicioso, pero que estou seguro que antes que despois vai ser posible, que non é outro que restituír o sendeiro entre Ribadeo e A Pontenova a través do antigo trazado do tren mineiro, que permita deste xeito dispoñer dun sendeiro a través de toda a costa marítima da ría e logo tamén fluvial para que alguén desde Ribadeo poida ir andando ou en bicicleta por unha senda desfrutando duns paraxes impresionantes e que moita xente a día de hoxe descoñece”.

Para Suárez Barcia: “iso sería un puntal, desde o punto de vista turístico, moi importante ao longo de todo o ano, porque como xa digo este novo turismo que imos ter despois da pandemia seguro que non vai ser un turismo de masificación, seguro que vai querer ter calidade, e aquí temos todos eses ingredientes para facer que alguén poida vir á nosa comarca e por suposto ao noso concello con toda a seguridade, con toda a placidez de desfrutar da paisaxe e con toda a boa intención de desfrutar dun lugar marabilloso, como este que pretendemos, pola beira da ría e do río”.

Exit mobile version