Site icon Crónica3.com A Mariña

Regueiro: “O PSOE da Fonsagrada levanta reparos do secretario-interventor nas facturas por máis de 1,5M€ en 2020”

A Fonsagrada, 8 de marzo de 2021. O voceiro do Grupo Municipal do PP da Fonsagrada, José Regueiro, critica que “o PSOE levante reparos do secretario-interventor nas facturas por valor de máis de 1,5 millóns de euros no ano 2020”. O popular engade que se trata “dunha cantidade elevadísima” de gastos con reparos que vén a constatar, segundo manifesta, “a pésima xestión do diñeiro público de tódolos veciños e veciñas por parte do goberno local do PSOE”.

“O goberno local abusa do gasto e dos contratos menores. E non o dicimos nós, dío o informe que a intervención remite ao Pleno sobre o control financeiro dos actos da entidade local que goberna o PSOE”, manifesta o voceiro popular.

O informe de fiscalización resulta desfavorable porque existen procedementos de gasto que carecen “total e absolutamente” das canles establecidas para a súa realización conforme á normativa. Os contratos de servizos que ascenden a máis de 1,1 millóns de euros e os contratos de subministro que supoñen máis de 425.000 euros acumulan as cantidades principais con reparos; pero o informe tamén recolle contratos de obras, de concesión de servizos públicos e convenios.

Incumprimento da Lei de Contratos do Sector Público
“Os socialistas están a incumprir reiteradamente no noso Concello a Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público” que pretende loitar contra a fraude, o favoritismo e a corrupción porque “non facilitan a igualdade no acceso ás licitacións por parte de distintas empresas e, polo tanto, non aseguran a libre competencia”, denuncia Regueiro. “O goberno municipal socialista compromete tamén a estabilidade orzamentaria e control do gasto ao non facer unha xestión eficiente dos fondos para obras, bens ou contratar servizos”, advirte.

En relación aos contratos menores -os inferiores a 40.000 euros en caso de obras e a 15.000 para os subministro ou servizos-, a intervención detectou incumprimentos no contido e a tramitación do gasto ou gastos. Neste sentido, o popular lembra que “a normativa recolle a realización de contratos menores só para satisfacer necesidades puntuais e esporádicas, concretas e perfectamente definidas, e urxentes”.

O alcalde socialista ten un prazo de tres meses para solucionar as problemáticas e deficiencias que pon de manifesto o informe resumen anual.

Exit mobile version