Ribadeo, 26 de marzo de 2021. O próximo domingo, 28 de marzo, terá lugar o cuarto e último espectáculo do ciclo Palma Repalma, que a Concellaría de Cultura de Ribadeo organizou nos domingos do mes de marzo para familias con bebés ás cinco e media da tarde e no auditorio Hernán Naval.
Formaron parte desta programación a contadora de contos Raquel Queizás, Baobab Teatro e Rilo e Penadique, que mesturaron teatro e música.
Este domingo, e especialmente dirixido a familias con crianzas de 6 meses a 4 anos, os protagonistas serán Caramuxo Teatro e súa obra Redondo, unha proposta que xoga coas formas e as cores e coa súa percepción polos máis pequenos.
Redondo foi o espectáculo mellor valorado polo público na programación Vigo Cultura 2018, seleccionado en Galicia Escena Pro e en Feten 2018
Mais o Apego de Ribadeo, que busca potenciar a transmisión do galego aos nenos e nenas, continúa ata o verán con Teatro dos Ghazafelhos, Fátima Fernández, Velaísca ou Raquel Queizás e incluirá dúas sesións de obradoiro arredor do xogo heurístico impartidos por María Novo para as familias.