Hai un tempo, atopeime cun anuncio da Xunta en Eduga: “A Fundación Institucional Española -FIES- co patrocinio da Fundación Orange, convoca o 40º concurso Que é un rei para ti? dirixido a alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria ou de 1º e 2º de ESO de calquera centro educativo do territorio español. Poderanse presentar proxectos analóxicos en calquera formato (murais, debuxos, poesías, maquetas, esculturas,…) ou proxectos dixitais nos seguintes formatos: storytelling, vídeo musical, infografía, robótica, deseño e impresión 3D.” Tamén especificaba o prazo para a presentación, xa pasado, e os premios: cea coas familias, visita ó Palacio Real e, sobre todo -pois ocupaba o primeiro lugar na relación de premios- unha audiencia coa súa maxestade o rei.
O anuncio non ten nada de particular: é a promoción dun premio querendo potenciar unha idea, a monarquía actual como cabeza dos españois. Anoto isto porque teño claro que quen non enxalce a figura real actual, ou pasada ou futura pero relacionada dalgún xeito coa actual dinastía, e polo tanto, gabando ó rei en relación ás funcións asignadas legal ou idealmente, non logrará o premio. Nese sentido, anima a ir ‘un pouco máis aló’ na consideración da realeza, facéndoa cada vez unha figura máis especial.
En canto á promoción, guste ou non, entra dentro do xogo democrático debuxado, o mesmo que entraría un anuncio equivalente nunha estrutura republicana, poñamos por caso. E é tamén abondo probable que o que vou dicir a continuación tivera unha transposición nese mesmo caso. Pero iso non quita de que haxa unha contradición.
Hai xa anos que ten habido polémicas cunha materia sobre ‘Educación para a cidadanía e os dereitos humanos’, que cubría, na práctica, o mesmo treito de ensino ó que vai dedicado o concurso. Recorro á Wikipedia para recoller a crítica dun alto cargo dunha comunidade autónoma gobernada pola dereita: “Se trata de una educación con un contenido moral y político, de un sesgo muy determinado. […] La izquierda pretende conducir la voluntad de los niños y moldear sus conciencias.” Tamén para algún comentario de altos cargos eclesiásticos: os centros que a impartan “colaborarán con el mal”, a materia “es un ataque más a la familia”. No mesmo artigo wikipedístico pode accederse ós títulos que marcaban o seu contido, a que seguía indicacións da UE ou á súa duración, un sexenio. En fin, a materia foi atacada dende diversas posicións -non só dende a dereita ou a igrexa- ata que caeu.
Polo contrario, este premio non parece recibir no seu caso nada máis que gabanzas na prensa cando a visita ó rei. Métese dende fóra na educación regulada influenciando o ensino con propaganda externa, pero non hai polémica. Ou, se a hai, queda silenciada.
Non entendo. Ou é que un rei é alguén que segue normas propias por riba doutras regulacións?