Site icon Crónica3.com A Mariña

Puntadas de Solidariedade en Cervo

Cervo, 8 de marzo, 2021. Este 8 de marzo queremos dedicarllo a todas as Mulleres de Cervo logo dun ano especialmente difícil no que ELAS demostraron, unha vez máis, a súa forza, a súa valentía, a súa coraxe….para ELAS non existe no dicionario a palabra RENDERSE.

E nestes doce meses de pandemia, de incertezas, de medos … nos que tivemos que cambiar de xeito radical o noso modo de vivir e de relacionarnos, hai 8 mulleres -e tamén 2 homes- que ante as carencias de material de protección decidiron poñerse “mans á máquina” e converter a súa habilidade en pura xenerosidade, poñendo as súas capacidades ao servizo público.

As súas PUNTADAS DE SOLIDARIEDADE resultaron primordiais para que as máscaras, naqueles momentos que escaseaban, chegaran a todos os recunchos da Mariña: Residencias, centros sociais, farmacias, servizos municipais, Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, tendas, servizos de emerxencias…; e tamén aos pequenos e ás pequenas de Cervo, que recibiron no seu fogar máscaras infantís creadas por estas veciñas voluntarias.

Foron incontables as horas que pasaron enfiando agullas e dando forma a milleiros de cubrebocas tecidas con todo o cariño do mundo.

E a tarefa non resultou sinxela. Souberon sortear os obstáculos que houbo no camiño… porque todo se esgotaba…Teas, cordóns…E removeuse ceo e terra para poder seguir confeccionando esas máscaras tan necesarias para a seguridade e protección de todos/as.

Desde aquí tamén o noso agradecemento a toda a veciñanza que colaborou doando todo o material de confección que foi quen de recompilar neses tempos de escaseza; aos/ás traballadores/as municipais que participaron no reparto das máscaras logrando que, a pesar dos contratempos, chegaran en tempo récord aos seus destinos; e tamén a Alcoa, en especial a Hilda polo seu crucial labor de mediadora, que doou metros e metros de tea para que estas costureiras puideran seguir a tecer para toda A Mariña.

E NESTE DÍA, 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER, VAIA NOSO ESPECIAL RECOÑECEMENTO A ELAS: MARI, ANGELINES, VICTORIA, ADELI, MARGARITA, CARMEN, MARI LUZ E NATI –E TAMÉN A FÉLIX E EULOGIO- GRAZAS INFINITAS!

Que a figura de Sargadelos que representa á Costureira que hoxe vos entregamos en recoñecemento á vosa solidariedade, vos acompañe no día a día como recordo dunha época tremendamente difícil pero que nos serviu para tecer pontes de solidariedade indestrutibles.

Alfonso Villares, alcalde de Cervo.

Exit mobile version