Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado o cómic conmemorativo do Bicentenario do Afundimento do Bergantín Palomo e da Fragata Magdalena en augas da Ría de Viveiro

Viveiro, 27 de marzo de 2021. O Concello de Viveiro acolleu esta mañá a presentación do cómic conmemorativo do Bicentenario do Afundimento do Bergantín Palomo e da Fragata Magdalena en augas da Ría de Viveiro, un evento que fora celebrado no ano 2010.

O acto contou coa participación da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García; María Rosario San Isidro Franco, secretaria da Comisión do Bicentenario 1810-2010; Carlos Nuevo Cal, Cronista Oficial de Viveiro e coordinador da Comisión do Bicentenario 1810-2010; Primitivo Marcos Ferreiro, autor do cómic, e Tareixa Antía Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo.

A alcaldesa de Viveiro destacou a calidade da obra, “un traballo feito ademais por un veciño de Viveiro, o cal é un motivo de orgullo, e lendo o cómic nótase o amor pola terra, por Covas e por contar co maior detalle posible o que aconteceu naquel tráxico 2 de novembro do ano 1810”.

Ademais, Loureiro resaltou que “no afundimento de 1810 e nesta pandemia houbo moita solidariedade, moita xente disposta a axudar e quérome quedar con iso como valor que transmitir ás novas xeracións, co desexo de que coñezan os erros e aprendan dos acertos”.

Por último, a alcaldesa falou da necesidade de “coñecer ben a nosa historia e o noso pasado; este cómic é unha magnifica forma de que os mozos e mozas de Viveiro coñezan non só os detalles do afundimento, se non tamén o contexto histórico no que aconteceu, a Guerra da Independencia e a Expedición Cántabra”.

A elaboración do cómic é froito dunha das iniciativas levadas a cabo en 2010 pola comisión creada para a conmemoración do bicentenario do afundimento, á que alcadesa de Viveiro agradeceu o seu traballo.

Exit mobile version