Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentada en Cervo unha innovadora solución para a xestión forestal con drones

A Coruña, 25 de marzo 2021. Esta mañá presentouse no Centro Experimental Áncora (Cervo), xestionado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), XESTAL (Xestión Forestal Sostible Mediante Teledetección Remota), a solución tecnolóxica desenvolvida por un consorcio de empresas galegas para a optimización da xestión forestal, baseada na teledetección mediante UAVS (Vehículos Aéreos Non Tripulados). Así, na demostración, un dron realizou medicións de masa forestal que permiten calcular de forma áxil a altura das árbores, o seu diámetro, especie ou volume de madeira, parámetros todos eles que en moitos casos séguense recollendo a man.

Esta proposta innovadora proporciona ás empresas xestoras de montes e á administración pública unha solución que permite un control do monte actualizado e sostible, coa máxima autonomía e o mínimo custo. XESTAL ofrece maior rapidez e precisión na medición das masas forestais. Está concibido para a optimización de procesos crave na xestión de recursos forestais, como as actuacións que implican os Plans de Ordenación Forestal (podas, adecuación de pistas, etc.). É, ademais, unha ferramenta moi valiosa para a xestión do monte privado e para dar soporte a procesos de sistemas de certificación forestal, como o FSC ou o PEFC.

O consorcio de entidades que desenvolveu esta iniciativa que aúna tecnoloxía e I+D, formado polas empresas galegas Aeromedia, Cerna, Balidea e Greenalia, ademais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), e que contou coa colaboración da Xunta de Galicia, combinou o desenvolvemento dun sistema GIS (Sistema de Información Xeográfica) e dun dron, UAV de tipo VTOL (de á fixa con capacidade de despegamento e aterraxe vertical). Desta forma, o GIS permite medir e inventariar as especies forestais máis presentes na industria, como o eucalipto ou o piñeiro, reunindo nun único lugar as diferentes fontes de datos usadas, como poden ser o propio dron ou a información proporcionada polos satélites e outra cartografía base. Pola súa banda, este dron permite mellorar os rendementos de traballo actuais na toma de datos remotos na contorna forestal. Ao utilizar este UAV- VTOL as mostraxes pódense realizar a baixa altura, polo que a precisión das imaxes é moito maior. Ademais, o custo e tempo de preparación dun voo non tripulado é notablemente inferior ao dun tripulado.

Desde Aeromedia destacan que “se levou a cabo unha inxente tarefa de mostraxe de masas de eucalipto e piñeiro a fin de dispoñer de suficientes datos de parcelas que permitisen definir un modelo de inventario robusto. Ao longo de todo o proxecto medíronse preto de 200 parcelas cun sensor LIDAR embarcado nun dron. Estas parcelas de mostraxe repártense por uns 60 montes ao longo de 47 parroquias de Galicia, especialmente en Lugo e A Coruña. Aseguran que con Xestal conseguiuse minimizar o traballo de campo de medición manual ao ser suplementado cos datos tomados desde drons e logrouse dispoñer dunha ferramenta GIS que optimiza as terefas de xestión e ordenación forestal”. Para o desenvolvemento do proxecto foi necesario tamén que os técnicos de CERNA e GREENALIA medisen tamén as mesmas parcelas manualmente, con fins comparativos e para desenvolver os modelos de medición para a ferramenta GIS.

A presentación de Xestal contou coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, que destacou a contribución deste proxecto á modernización dos sectores primarios galegos, en concreto a xestión dos recursos forestais, un dos retos prioritarios da Estretegia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, e a súa aposta polas tecnoloxías baseadas en vehículos non tripulados, en liña coa iniciativa da Xunta de Galicia para crear un Polo Aeroespacial en Galicia. Así mesmo, puxo en valor o ecosistema innovador xerado ao redor do segmento dos drons na nosa Comunidade e o valor da colaboración no seo do consorcio que desenvolveu o proxecto.

Este proxecto de I+D+i aprobouse na convocatoria Conecta Peme 2018 da Xunta de Galicia a través de Gain, que ten como obxectivo fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do sistema rexional de innovación. Este programa está cofinanciado por fondos FEDER da Union Europea. O desenvolvemento levouse a cabo desde mediados do 2018 ata decembro de 2020.

EMPRESAS MEMBROS DO EQUIPO

Aeromedia: é unha das empresas de sistemas aéreos pilotados remotamente máis significativas do mercado, xa que ten a dobre vertente de fabricante e integrador de sistemas embarcados e prestación do servizo con RPAS. Neste sentido, fabricou e integrou máis de 40 equipos RPAS para distintos usos e sensores embarcados no últimos tres anos, e ten gran experiencia en contornas forestais, agrarios e de emerxencias, entre outros.

Cerna Enxeñería: consultora que desenvolve a súa actividade no ámbito da Enxeñería Ambiental (Xestión, Enxeñería e Asesoría Ambiental). Ofrece servizos integrais de xestión ambiental a empresas e explotacións agroforestais, así como ás diferentes Administracións Públicas.

Balidea: empresa do sector tecnolóxico que ofrece un amplo catálogo de servizos TI orientados á xestión da información a nivel interno nas organizacións e a súa presenza dixital no contorna web. Para ambos os casos abarca desde a consultoría estratéxica, ata o deseño, desenvolvemento, lanzamento, mantemento e soporte a persoas usuarias. Con respecto ás súas áreas de negocio destacan a Administración Pública, a Xestión do Coñecemento Corporativo, a Saúde e a Educación.

Greenalia: Greenalia Forest é a empresa do grupo responsable da compra aos propietarios forestais e posterior comercialización dos produtos aos seus clientes. Actualmente xestiona un volume superior ás 600.000 toneladas ao ano. É líder na Península Ibérica na actividade de subministración de materia prima forestal para diferentes actividades (celulosa, taboleiro, pellets, aserrado, produción de enerxía eléctrica, térmica, etc.). O proceso produtivo da empresa abarca todas as áreas desde a compra ata a comercialización dos produtos forestais.

ORGANISMOS INVESTIGADORES MEMBROS DO EQUIPO

Universidade de Santiago de Compostela: O grupo de investigación Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da USC, é un grupo de temática forestal que realiza actividades de investigación, así como traballos e proxectos para empresas e Administracións públicas. Constituíuse a finais do ano 2001 por unha serie de profesores pertencentes aos Departamentos de Enxeñería Agroforestal, Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería, Edafoloxía e Química Agrícola. As principais liñas de traballo do Grupo son a modelización do crecemento e a produtividade forestal, a biomasa forestal e plantacións enerxéticas, os chans e a nutrición forestal, a análise de estruturas de madeira, a sanidade forestal e os incendios forestais.

Instituto tecnolóxico de Galicia (ITG): O Instituto Tecnolóxico de Galicia é Centro de Referencia para sistemas aéreos non tripulados e membro activo dos grupos da comisión asesora de drons de AESA. A súa firme aposta nos últimos anos polo desenvolvemento de aplicacións converxentes co enfoque do Internet do Futuro (IoF) e a súa sólida oferta tecnolóxica, sitúalle nunha posición estratéxica para innovar nas aplicacións civís dos drons. Fundación privada sen ánimo de lucro constituída en 1991, é Centro Tecnolóxico Nacional recoñecido oficialmente polo Estado e forma parte do consello reitor da Federación de Centros Tecnolóxicos de España (FEDIT) desde o ano 2010. Actualmente, Carlos Calvo, director xeral de ITG, desempeña a Presidencia desta Federación que agrupa a 34 centros tecnolóxicos.

Exit mobile version