Este acordo tivo lugar durante a reunión do pleno celebrado este xoves, día 18 de marzo, na que se presentaban senllas mocións por parte dos grupos municipais da oposición con fin de instar a recuperación do Mosteiro de San Salvador polo Concello de Lourenzá para destinalo a usos de interese social, así como a posta en marcha de iniciativas na procura dunha rehabilitación definitiva e respectuosa coas valores histórico artísticos do conxunto monumental.
A proposta do grupo de goberno, os grupos da oposición aceptaron deixar sobre a mesa as mocións de cada grupo e constituír unha mesa de traballo conxunta para consensuar as iniciativas encamiñadas ao antedito fin.
Dende a Asociación Patrimonio Laurentino queremos agradecerlles aos grupos ter levado ao pleno as demandas da asociación, así como o acordo unánime; e aproveitamos para amosar a nosa total disposición a colaborar coas iniciativas que se decidan para os fins descritos.
Durante a xuntanza do pleno tamén puidemos saber a través dos representantes do concello do anuncio da Dirección Xeral de Patrimonio de elaborar o proxecto de recuperación definitiva da cuberta no prazo dun ano, polo que consideramos que é urxente a constitución da mencionada mesa de traballo e o inicio das xestións por parte do ente municipal para conseguir a cesión do conxunto monumental co fin de que poida destinarse no futuro aos fins sociais de interese para a veciñanza de Lourenzá que se consideren.