A última mostra, segundo o PP, “das absurdas escusas ás que recorre son as referentes á súa incapacidade para completar o servizo médico da Unidade Asistencial de Drogodependencia”. Os populares sinalan que “mentres a Xunta de Galicia cumpre coa súa parte do convenio bilateral asinado, achegando os máis de 200.000 euros que require o mantemento deste servizo en Burela, o alcalde Llano, que como única función ten a de organizar o mesmo, xustificando o gasto que adianta a Consellería, vese incapaz de contratar un médico, ao longo dos últimos 6 meses, para cumprir coa súa parte do compromiso adquirido cando renovou o acordo bianual existente coa Administración Autonómica”.
No PP din que o alcalde “nas súas últimas declaracións públicas vén recoñecer sen ningún tipo de rubor que é incapaz de asumir esta xestión, tal e como xa fixo noutras ocasións”. Dende o PP consideran que “a ninguén pode sorprender a estas alturas que o alcalde Llano traballe pouco e mal, dando mostras dun proxecto que non ilusiona xa que nin interese amosa polos servizos que ten asumidos”.
No PP din que “dá a sensación de que o Sr. Llano pensa que só está para cobrar dos veciños de Burela os, aproximadamente, 45.000 euros que lle supón o cargo de alcalde da nosa vila, sen ter que facer ningún tipo de traballo a cambio”.