Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas lamentan que o PP vete a iniciativa para impulsar medidas de apoio económico e financeiro para as lonxas e vendedurías de Galicia

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021. A voceira de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, vén de instar á Xunta a impulsar medidas de apoio económico e financeiro as lonxas e vendedurías que están a sufrir as consecuencias económicas da covid. Fíxoo, hoxe, a través da presentación dunha proposición non de lei presentada na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento, que foi rexeitada polo PP.

Otero lamentou o veto do Grupo Popular a unha iniciativa que parte do PSdeG e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, e que pretende “paliar ou minimizar os impactos da pandemia” nun sector que “está a sufrir fortemente as consecuencias económicas da covid”, derivado “especialmente dos distintos peches e limitacións que está a vivir a hostalería”. Así, subliñou, os datos de facturación do sector “caeron drasticamente en 2020”.

Doutra banda, a responsable socialista urxiu ao goberno galego á realización “urxente” de campañas de fomento do consumo local ou de quilómetro cero, “que axuden e apoien a todo o sector produtor”; así como a promoción dos beneficios do consumo de peixe e marisco dende unha perspectiva de saúde e benestar, especialmente entre a xente nova.

“Os produtores da pesca constatan unha caída do consumo na última década en case un 20%, o que se viu agravado pola pandemia”, asegurou a socialista. Ademais, sinalou que os principais consumidores de peixe e marisco son os maiores de 50 anos, “consumo que baixa entre as novas xeracións”.

Nesta liña, a socialista instou ao goberno galego a fomentar o consumo de peixe e pescado tanto por “apoiar ao sector” e manter o emprego, como por unha cuestión de saúde. Así, incidiu en que os datos actuais de consumo entre xente nova “crea alarma” tamén entre os especialistas en nutrición, xa que, ao tempo que baixa o consumo de peixe, “aumenta o consumo de produtos menos saudables e con menos nutrientes”.

Exit mobile version