Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan ao PP de torpedear os investimentos do goberno central na provincia

Lugo, 22 de marzo de 2021. A Secretaria Provincial do PSdeG e Deputada Autonómica, Patricia Otero, acusou hoxe ao PP de tentar torpedear os investimentos do Goberno de España na provincia de Lugo.

A dirixente socialista dixo que o “PP de Lugo coa súa Presidenta á cabeza, Elena Candia, tenta torpedear os investimentos orzamentados e xa compensados que vai executar e materializar do Goberno de España para, por fin, modernizar e dignificar a liña de ferrocarril que une á capital da provincia con Ourense coa Meseta”. Otero advirte que nun “ataque de desesperación de difícil precedente, Elena Candia, tenta ademais manipular á plataforma “Lugo Non Perdas ou Tren” que leva anos de loita reclamando o que agora xa se comeza a materializar”.

546 millóns de euros
A Secretaria Provincial sinala que “é difícil entender que o PP persista en antepoñer a confrontación aos intereses da provincia. En lugar de aledarse e de arrimar o ombreiro, só se adica á gresca para tentar ocultar unha gran noticia para todos os lucenses e toda a provincia. Como é que o ferrocarril vai ser modernizado, e que nos beneficiaremos en tempo e comodidade cun investimento de 546 millóns de euros aprobada polo Goberno de España”.

Así as cousas replica que “as mentiras de Candia e os seus subordinados – incluído o Delegado da Xunta en Lugo que se dedica a contradicir o bo clima alcanzado polo Presidente da Xunta co Ministerio de Transportes – non poden ocultar a verdade. A única realidade é que por primeira vez os anuncios e os estudos convértense en realidade, e polo tanto, a modernización e a electrificación do tren xa é imparable. Con estas obras, Lugo formará parte dunha rede competitiva que nos unirá ao resto do país”, insistiu.

A promesa de Feijóo
Patricia Otero advertiu tamén que “o Presidente Alberto Núñez Feijóo leva xa 12 anos de atraso para cumprir a súa propia promesa de que, con recursos da Xunta, uniría Lugo e Ourense con AVE. Por iso, o PP debería lembrar que todas as actuacións do Goberno de Rajoy no ferrocarril da provincia quedaron en estudos e papeladas, todos eles xa caducados”, denunciou.

Por último, Otero emprazou “a Elena Candia a que abandone a pelexa e, por unha vez, coloque por riba das siglas do seu partido os intereses de Lugo e dos lucenses. E ao Delegado da Xunta, Javier Arias, a que exerza o seu papel institucional e non poña a Delegación ao servizo do PP. En caso contrario, levaremos a súa neglixente actuación ao Parlamento de Galicia”, espetou.

Exit mobile version