Por esta clara vulneración de dereitos, o xulgado condena a Cotelsa a recolocar a Rocha no seu posto de traballo (departamento de electrodos) nas mesmas condicións que tiña e a abonarlle unha indemnización polos danos morais. A CIG acolle con satisfacción a resolución xudicial que “confirma toda a razón que os traballadores e traballadoras da fábrica de aluminio teñen na súa loita na defensa de futuro industrial para Mariña e polos mantemento dos empregos”.
Na sentenza, ademais, recálcase que este comportamento, de carácter grave, non só afecta á liberdade sindical do compañeiro Kike, senón que “ten unha dimensión colectiva que vai máis aló da afectación ao delegado en concreto”. Así, no texto faise fincapé en que esta vulneración de dereitos “se produce nun momento especialmente sensíbel como é o da existencia do ERE de Aluminio Español, SA (aínda non resolto) con repercusión no emprego da multinacional, das auxiliares e de toda A Mariña”.
Tanto é así que a persecución a Rocha non se pode entender á marxe do conflito que se vive na Mariña contra os plans de peche e a parada das cubas, nin á marxe das propias actuacións de Alcoa. Pois resulta evidente que a decisión de trasladar ao compañeiro constituía un castigo á representación dos/as traballadores/as das auxiliares, a quen a multinacional se negou en todo momento a darlle interlocución na negociación do ERE.
Neste senso, hai que subliñar que a propia sentenza salienta que “o demandante se significou de xeito moi destacado nas actividades da Plataforma (en referencia ao colectivo de persoal das auxiliares) e participou de forma activa, notoria e pública no proceso negociador” do ERE; ademais de valorar que no departamento de electrodos (onde estaba destinado) os traballadores/as de Cotelsa prestan servizos xunto ao persoal propio de Alcoa, o que non sucede no departamento de obras onde a onde o trasladaron.
Xunto a isto, na resolución tamén se ten en conta que Cotelsa xa tiña unha resolución xudicial previa por vulneración da liberdade sindical.