Lugo, 29 de marzo de 2021. A Deputación de Lugo impulsa a proxección internacional da provincia colaborando economicamente coa produción da segunda temporada de O Sabor das Margaridas, a primeira serie galega incorporada á plataforma audiovisual Netflix, que se estrea este venres en todo o mundo.
Nesta segunda temporada a provincia de Lugo ten un papel protagonista ao aparecer como escenario paraxes lucenses como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai, no Corgo, ou a capital lucense. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliña que colaborar con O Sabor das Margaridas, da produtora galega CTV, supón unha gran oportunidade para a proxección internacional da riqueza paisaxística e cultural da provincia. “É un xeito moi efectivo de dar a coñecer a nosa terra, de incentivar o turismo”, asegurou. Os galegos e galegas xa puideron desfrutar desta segunda temporada ao estrearse o ano pasado desta segunda entrega na Televisión de Galicia, acadando moi boa acollida entre a audiencia.
Tomé Roca avanza que “esta promoción a través do audiovisual que fai a Deputación contribuirá a recuperar con forza o impulso turístico da provincia unha vez superada a crise do coronavirus, porque a nosa provincia ofrece un turismo sen masificacións, de calidade, sostible e de experiencias, que é o que demanda o viaxeiro de hoxe”. Ademais, engadiu que “esa globalización que nos permiten estas grandes plataformas audiovisuais fai que as nosas producións viaxen por todo o mundo, facilitando a chegada deste material a millóns de persoas que descobren a través delas lugares coma nosa provincia”, subliña.
Pola súa banda, o Presidente salienta o apoio da Deputación á industria audiovisual lucense e galega, materializado en colaboracións nos últimos dez anos cunha vintena de películas, series, documentais e curtas, porque “apoiar ao audiovisual é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”.
A nova temporada deste proxecto audiovisual, que durante a súa primeira temporada foi traducido a 30 idiomas, contén seis episodios de 70 minutos con escenas rodadas en varias localizacións da provincia de Lugo, como son o Miradoiro do Duque de Monforte ou o Pazo de Adai do Corgo, entre outras. Este thriller policial e de misterio, rodado en Galicia, pódese ver en 190 países e situouse no top 10 da popularidade oficial de Netflix ao converterse na sétima serie de fala non inglesa máis vista no Reino Unido e Irlanda desta plataforma xigante do streaming.
O reparto está formado por María Mera, Santi Prego, Noelia Castaño, Rebeca Stones, Sara Sanz e David Seijo. O Sabor das Margaridas recibiu o premio á Mellor Serie de Televisión nos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.