Lugo, 09 de marzo de 2021. Antes era unha sospeita fundada, agora está constatado: o que o goberno da Deputación chama plan de impulso da economía da provincia non é máis que propaganda política, puro fume. Os populares solicitaron no seu momento acceso e copia ao expediente íntegro do chamado plan impulsa, e a resposta é que se trata dunha acción política do goberno provincial no que se establecen liñas xerais e xa aclara que esas liñas de actuación non son parte dun expediente administrativo concreto. O viceportavoz popular José Antonio García cualifica de “gravísima” esta “tomadura de pelo aos sectores produtivos, ás pequenas empresas, aos hostaleiros, aos comerciantes e aos autónomos de toda a provincia nun momento sumamente delicado como é o actual. Sinala así que dese suposto plan non existe nin a folla de ruta, o único que realmente existe é a propaganda pagada polo bigoberno presidido polo socialista José Tomé.
José Antonio García declara: “No PP xa dixemos, en canto o goberno provincial presentou iso que chama plan de impulso da economía, que non había máis que fume e propaganda, que era un puro exercicio de marketing”. O mesmo viceportavoz popular di que as intencións do goberno presidido por Tomé “xa quedaron claras ao longo dos meses a medida que foi rexeitando as propostas do PP para deseñar e aplicar un plan fronte as consecuencias económicas da covid-19 e para a reactivación da economía”. Engade que “tampouco aceptou incrementar o Plan Único como se propuxo dende o PP e o orzamento para este ano, como dixemos unha e outra vez, é puro continuísmo; as grandes contas non responden ás necesidades da provincia”.
Os populares tiveron claro que o chamado por Tomé plan de impulso da economía era puro fume, pero agora non hai lugar á dúbida, segundo sinala José Antonio García: “O mesmo goberno di que non hai ningún expediente e polo tanto confírmase que só hai propaganda, como dixemos”.
O viceportavoz popular destaca: “É gravísimo que socialistas e nacionalistas se rían así dos sectores produtivos da provincia. Non hai novas partidas, son as partidas que xa tiña a Deputación ás que agora se lles cambian os nomes”. Tamén di: “A falta de sensibilidade da Deputación cos sectores produtivos é grave, pero a tomadura de pelo con propaganda pagada é algo gravísimo”. En resumo, “tal como pensabamos, non existe plan ningún; é unha operación de propaganda, á que lle poñen un nome e en realidade refírense a planes xa existentes como o de subvencións, Lugo Termal, o servizo de catamaráns, etcétera”.