Castiñeira explica: “Naquel momento denunciabamos como moi sospeitoso, e sobre todo de mal gusto, que os dous primeiros da lista foran os ex cargos socialistas Sonia Verdes e José Daniel Piñeiro, unha ex compañeira de Tomé no Parlamento galego e o outro ex concelleiro de Medio Ambiente de Lugo. Mediante decreto do 8 de xaneiro, o presidente nomea a Sonia Verdes como persoal funcionaria interina por acumulación de tarefas, o que entende o PP que é o inicio dun proceso de acumulación de contratos”.
Para os populares, “coa bolsa de veterinarios que sacou o goberno provincial, en plena pandemia e na que estivo no tribunal un cargo socialista, vai permitir moi probablemente que estes dous membros do PSOE inicien a súa vida laboral como traballadores da Deputación”. Castiñeira engade: “Entendemos que este nomeamento é un absoluto insulto á decencia da institución e á intelixencia dos lucenses, máis aínda despois de ver as denuncias do sindicatos policiais de posible fraude no proceso selectivo de Monforte, para prazas de Policía Local, que tamén salpica ao sr Tomé”.
No PP consideran que “as sospeitas de prácticas caciquís de Tomé á hora de contratar amigos nas institucións que goberna din moi pouco do seu pasado sindical, cando daquela velaba polos procesos selectivos transparentes e abertos, nada parecido ao que estamos a ver estes días”.
Castiñeira declara: “Lamentamos a actitude dos socialistas e máis concretamente do señor Tomé que na súa condición de xefe de persoal parece primar máis os intereses políticos fronte aos propios méritos de traballadores e aspirantes”.
Castiñeira pregúntase “canto tardará o señor Piñeiro, en recibir o premio do PSOE, a modo de posto interino na Deputación, por retirarse da vida política despois do escándalo da fábrica da luz?”. Cre que “esa pregunta só a pode responder o señor Tomé, presidente socialista da Deputación de Lugo”.