Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP rexeita a proposta do BNG para elaborar un informe das inmatriculacións da Igrexa católica e anular as consideradas “bens de dominio público”

Santiago de Compostela, 31 de marzo, 2021. O deputado do BNG Luís Bará reclamou a “anulación das inmatriculacións realizadas pola Igrexa católica cando se trate de bens de dominio público” e ampliar a información sobre os bens inmatriculados, “especialmente no caso de propiedades rústicas, de maneira que se facilite a súa identificación e localización”. A proposición non de lei nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.
Na súa intervención, o parlamentario do BNG lembrou que a Igrexa católica goza desde 1946 dun “privilexio franquista” que lle permitiu inscribir miles de bens sen ter que acreditar a propiedade dos mesmos, xa que a Lei hipotecaria e o regulamento posibilitaron que os representantes eclesiásticos actuasen como “fedatarios públicos”.

Aínda que a citada norma non permitía inscribir templos dedicados ao culto, por ser considerados bens de dominio público, a realidade, asegurou Bará é que moitos destes bens foron inscritos por primeira vez no Rexistro a nome da Igrexa entre os anos 1946 e 1998. No ano 1998, o goberno do PP ampliou o privilexio franquista mediante unha modificación da Lei hipotecaria que lle permitía á igrexa inscribir tamén lugares de culto como igrexas, mosteiros, ermidas, capelas, catedrais, etc. Como consecuencia desta norma, entre 1998 e 2015 foron inscritos case 35.000 bens a nome da Igrexa católica, dos cales unha parte poderían ser bens privados, outros de propiedade das administracións e outros de dominio público.

No ano 2017 foi aprobada unha proposición non de lei no Congreso na que se demandaba ao goberno do Estado a elaboración dun informe con todas as inmatriculacións realizadas entre 1998 e 2015, así como “reclamar a titularidade do dominio se a devandita inmatriculación non contaba cun título material previo”.

Por outra parte, no ano 2018,engadiu o deputado, unha Comisión de Persoas Expertas creada para determinar a titularidade da Mezquita de Córdoba recomendou anular as inmatriculacións mediante un recurso ao Tribunal Constitucional ao que sumou o litixio gañado pola veciñanza de San Xurxo de Sacos (Cerdedo-Cotobade) contra o arcebispado de Santiago, logo de que a igrexa inmatriculase irregularmente a carballeira de San Xusto e o monte de Lixó.

A igrexa rexistra solares, garaxes, pisos e carballeiras

O goberno do Estado contaba desde agosto de 2018 coa listaxe das inmatriculacións realizadas desde 1998 e tardou máis de dous anos e medio en facer pública a listaxe de bens inmatriculados. Dos bens rexistrados, 34.984, chama a atención, asegurou o deputado, “a alta porcentaxe de inmatriculacións rexistradas en Galiza, 7.131” das que 2.747 son edificios dedicados ao culto e edificacións anexas e 4.384, propiedades urbanas e rústicas como: solares, garaxes, pisos, carballeiras ou campos da festa.

O deputado instou á Xunta de Galiza a demandar do goberno do Estado, ampliar a información sobre os bens inmatriculados, especialmente no caso de propiedades rústicas, de maneira que se facilite a súa identificación e localización, investigar as inmatriculacións da Igrexa católica sen o pertinente título de propiedade e a posterior anulación cando se trate de bens de dominio público.

O nacionalista lamentou que unha vez máis, o Partido popular defenda os privilexios da xerarquía católica. Hai quen quere retorcer a historia, explicou pero a realidade é que o regulamento hipotecario do ano 46 concedeulle á Igrexa a condición de “fedatario público” para poder rexistrar bens como “pago de favores por amparar un réxime que masacrou a moi xente en Galiza”. Si hai que molestar a Igrexa católica, o “PP non move un papel”, apostilou o deputado.

Exit mobile version