O portavoz popular, Javier Rodríguez Barrera, defende axilizar os trámites de cara á súa cesión ao Concello para tratar de “conservar e poñer en valor o mosteiro -un referente do barroco en Galicia que foi declarado monumento histórico-artístico en 1974- e, en definitiva, non deixalo caer” porque “as obras de urxencia que se están a executar na súa cuberta debido ao seu deplorable estado de conservación distan moito de ser o ideal para a súa conservación e posta en valor”.
Traballo conxunto segundo a vontade da maioría dos laurentinos
A iniciativa que defenderán os populares no vindeiro pleno, ademais de instar ao goberno local a iniciar os trámites para a cesión; propón a creación dunha mesa de traballo cos distintos grupos políticos da corporación municipal para debater sobre o uso a darlle ao mosteiro e facer un seguimento das accións que se levarán a cabo no futuro. Instan tamén a negociar coas distintas administracións posibles usos públicos e ao mesmo tempo a achega do financiamento necesario e, así mesmo, propoñen buscar financiamento da man de fundacións sen ánimo de lucro ou mesmo de entidades privadas.
O popular apela ao consenso dos distintos grupos para sacar adiante esta iniciativa; xa que “recolle a vontade da maioría dos veciños de Lourenzá” tendo en conta, ademais, que “o arranxo do mosteiro é un tema recorrente nos programas electorais dos distintos partidos”, o que indica “o interese de todos pola súa restauración e a búsqueda dun uso público para o mesmo”.
O popular defende “actuar agora porque de nada serve lamentarse despois”. Ademais, apela a “un labor no que participemos todos”; xa que “non se trata de colgarse medallas”. De cara á conservación e posta en valor do mosteiro de San Salvador, Rodríguez cre “debería participar o Bispado como propietario; pero tamén o pobo de Lourenzá representado polos distintos grupos políticos da corporación e as distintas asociacións do municipio; así coma empresas privadas e fundacións”.
Un referente económico, social e cultural
Rodríguez cre que “o mosteiro ten que volver a ser, como o foi na súa época, un referente importante para Lourenzá tanto económica coma socialmente”. Nesa liña, defende que “ten que servir para xerar emprego relacionado cos seus distintos usos -tanto sociais coma turísticos, etc.- e, ao mesmo tempo, consolidarse como un referente cultural”.